A oralidade centra as X Xornadas de actualización docente de portugués lingua estranxeira
O secretario xeral de Política Lingüística participou esta tarde na inauguración deste encontro formativo para profesorado que se celebrará hoxe e mañá no Centro Camões de Vigo
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde, no Centro Camões de Vigo, na inauguración das X Jornadas de Atualização Docente de PLE (português língua estrangeira) organizadas pola Coordenação do Ensino Português em Espanha e Andorra do Instituto Camões co apoio da Consellería de Cultura e Educación e mais da Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG).
O secretario xeral felicitou a organización pola elección do tema, “porque as linguas son, antes ca nada, oralidade” e porque, “sendo como é o portugués un idioma doado para o estudantado que accede a el desde o galego, as diferenzas fonéticas poden constituír o maior obstáculo que teña que salvar para entender totalmente e falar con propiedade”.
Na mesa inaugural participaron, a canda o secretario xeral, Manuel Correia da Silva, vicecónsul de Portugal en Galicia; Filipa Soares, coordinadora do Ensino Portugués en España e Andorra da Embaixada de Portugal en Madrid; Carla Sofia Amado, responsable do Centro Cultural Português do Instituto Camões en Vigo, e Antía Cortizas Leira, presidenta da DPG.
Ensino da fonética e promoción da oraliade
Co título “A (pre)ocupação com o ensino da(s) fonética(s) e a promoção da oralidade em PLE/PL2 na Galiza”, hoxe e mañá estase celebrando no Centro Camões de Vigo a X edición das Jornadas de Atualização Docente de PLE.
Nesta ocasión, as xornadas perseguen, entre outros obxectivos, afondar no coñecemento da fonética do portugués europeo e do Brasil, compartir materiais didácticos e prácticas de ensino e aprendizaxe da fonética e intercambiar experiencias didácticas no ámbito do ensino da fonética do portugués. Para iso, contan coa presenza de João Veloso, profesor e coordinador do Centro de Lingüística da Universidade do Porto; Eduardo Maragoto, docente da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; Carla Sofia Amado, lectora de portugués na Universidade de Santiago, ademais de responsable do Centro Cultural Português do Instituto Camões en Vigo, e Paula Isidoro, profesora de inglés e francés lingua estranxeira en diferentes países africanos e europeos.
As xornadas diríxense a profesorado de portugués como lingua estranxeira de ensino secundario e universitario, de escolas oficiais de idiomas ou de centros de linguas de Galicia e do resto de España.
Lei Paz-Andrade
O apoio da Consellería de Cultura e Educación a esta xornada formativa para profesorado de portugués lingua estranxeira inscríbese no marco das accións con que desenvolve a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade. Estas accións inclúen o Memorando de Entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia e a conseguinte implantación e consolidación desta materia en ESO e bacharelato.
A Lei Paz-Andrade foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas. O seu obxectivo é aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa.