O 'FalaRedes' leva na fin de semana Os Bolechas ás comarcas de Ordes, O Sar, A Barcala e Xallas

Os irmáns animados de máis sona en Galicia proseguen a súa xira con paradas nos concellos de Frades e Padrón (sábado) e Negreira e Santa Comba (domingo)

A actividade ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’ conxuga o lecer coa adquisición de coñecementos xerais sobre a cultura galega

Como é habitual neste programa de dinamización, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos

Ven, 20/10/2017 - 13:18
O 'FalaRedes' leva na fin de semana Os Bolechas ás comarcas de Ordes, O Sar, A Barcala e Xallas

O programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' da Secretaría Xeral de Política Lingüística leva na fin de semana os Bolechas a catro concellos das comarcas de Ordes, O Sar, A Barcala e Xallas no marco da actividade 'De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas', que está a percorrer ata novembro 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. A primeira parada será mañá sábado en Frades. Neste municipio, e coa colaboración da Mancomunidade de Ordes, a actividade poderase gozar no Edificio Multiúsos (ás 12:00 horas). O mesmo sábado, ás 18:30 horas, os Bolechas estarán no Auditorio Municipal de Padrón. A axenda da fin de semana pecharana o domingo en Negreira (no auditorio do Centro Sociocultural, ás 13:00 horas) e en Santa Comba (no Edificio Multiúsos, ás 18:30 horas).

Nesta nova proposta, os Bolechas están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan os Bolechas. Ata o 5 de novembro, seis irmáns e o seu can Chispa percorrerán outros seis municipios: Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove.

FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Menús News node R