Suspéndense as clases nun total de 20 centros educativos, todos na provincia de pontevedra

Lun, 16/10/2017 - 12:50

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suspendeu este luns as clases nun total de 20 centros educativos da provincia de Pontevedra tras facer un seguimento continuo da situación e valorar o estado dos centros educativos naquelas zonas afectadas polos incendios forestais.

Nas outras tres provincias galegas non houbo peche de centros. En todo caso, cómpre salientar que no caso do CEIP Pena Corneira, no concello de Carballeda de Avia, o centro abriu as súas portas pero os alumnos non puideron asistir ás clases por incidencias no transporte escolar. Así mesmo, o CEIP de Vilariño de Conso foi desaloxado esta mañá pola proximidade lo lume. Neste sentido, a Consellería insta a que se extreme a precaución naquelas zonas onde haxa incidencias por mor dos incendios forestais e lembra que os propios directores dos centros educativos poden decidir suspender a actividade lectiva de cambiar as circunstancias.

 

En concreto, os centros da provincia de Pontevedra que non abriron hoxe as súas portas son os seguintes: o IES Primeiro de Marzo, o CEIP de Belesar, o CEIP Fontes-Baíña e o CPI Cova Terreña de Baiona; o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, o IES Marquesa do Pazo da Mercé e a EEI de Rubiós das Neves; o CPI Curros Enríquez e a EEI Nespereira de Pazos de Borbén; o IES de Valadares, o CEIP Sobreira-Valadares e o CEIP A Paz Tintureira de Vigo; o CEIP Serra-Vincios e o CRA Antía Cal de Gondomar (neste último caso está aberto Peitieiros); o CEIP Feliciano Barrera, o CEIP de Santiago de Oliveira e o CRA A Picaraña de Ponteareas; o CEIP Nosa Señora de Lourdes de Mondariz-Balneario; o IES de Ponte Caldelas de Ponte Caldelas; e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas.

A Consellería seguirá de preto a evolución da situación, caso por caso, para determinar se é preciso suspender a actividade lectiva en días posteriores.