‘A praia dos afogados’ pechará este venres a segunda edición do ‘Redecinema’ na Laracha

O programa de dinamización lingüística impulsado pola Consellería de Cultura despídese cunha proxección, con entrada libre e de balde, no pavillón do IES Agra de Leborís ás 21:00 horas

Desde xullo chegou a 22 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Mér, 11/10/2017 - 11:03
‘A praia dos afogados’ pechará este venres a segunda edición do ‘Redecinema’ na Laracha

O filme ‘A praia dos afogados’ pechará este venres, 13 de outubro, a segunda edición do programa de dinamización lingüística Redecinema, impulsado pola Consellería de Cultura por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Agadic, no concello coruñés da Laracha, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. Será ás 21:00 horas cunha proxección, con entrada libre e de balde, no IES Agra de Leborís.

‘A praia dos afogados’ é un thriller baseado na novela homónima do escritor Domingo Villar, dirixido por  Gerardo Herrero e protagonizado por Carmelo Gómez e  Antonio Garrido. Inclúe na ampla nómina de actores e actrices a galegos como Tamar Novas, Celso Bugallo, Luís Zahera, Marta Larralde, Pedro Alonso, Déborah Vukusic ou Carlos Blanco, entroutros. 

Unha iniciativa de audiovisual galego e en galego

A iniciativa chegou desde xullo ata outubro a 22 concellos da RDL en formato de cinema de verán e incluíu, para alén do filme sinalado, outros dous títulos en carteleira: ‘9Ondas’ e ‘Maimiño e o espello máxico’. As finalidades do programa son promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego. Toda a información en www.lingua.gal.

A RDL é un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.

Menús News node R