Román Rodríguez visita o lectorado de galego na Universidade de Roma

Lun, 02/10/2017 - 12:20
Román Rodríguez visita o lectorado de galego na Universidade de Roma

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o lectorado de galego da Sapienza Università di Roma (Italia). Cómpre lembrar que o seu departamento vén de renovar o acordo que mantén desde 1998 con esta universidade para a docencia, a investigación e a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas. Nestas instalacións o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tivo a oportunidade de coñecer ao responsable do lectorado, Attilio Castellucci, e á lectora actual, Ana Ces. Así mesmo, estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Ao abeiro do acordo vixente, a Università di Roma comprométese a dar continuidade ao ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos seus plans de estudo e a organizar actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua e da literatura galegas no ámbito universitario e na súa área de influencia. Así mesmo, inclúese a contratación –da devandita lectora como complemento práctico ao seu programa de formación. O acordo inclúe tamén a adquisición do material bibliográfico, fonográfico, videográfico, informático e a infraestrutura necesaria para levar a cabo as accións de promoción sinaladas.