O conselleiro de Educación recibe aos alumnos gañadores da Olimpíada Matemática galega

Estes estudantes amosaron ademais o seu nivel na fase nacional do certame

Un deles formará parte do Equipo Nacional que representará a España nas Olimpíadas Internacionais de Matemáticas

Ven, 15/04/2011 - 17:12
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria recibiu esta mañá aos alum
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria recibiu esta mañá aos alumnos gañadores da Olimpiada Matemática galega

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria recibiu esta mañá no seu despacho de San Caetano aos 9 estudantes gañadores da Fase Autonómica da que representaron a Galicia na Fase Nacional da XLVII Olimpiada Matemática Española, tras resultar vencedores da Fase Autonómica.

Ao encontro acudiron os tres primeiros premiados da fase galega, Inés Cadórniga Zueco (2º de Bacharelato do IES Val Miñor, de Nigrán), Daniel Cao Labora (2º de Bacharelato do CPR Obradoiro, da Coruña) e Óscar Rivero Salgado (1º de Bacharelato do IES Cidade de Antioquía, de Xinzo de Limia). Ademais asistiron á recepción os estudantes que obtiveron o segundo premio neste mesmo certame, Diego Abel García (1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela), Ángel García Gómez (2º de Bacharelato do IEs Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra) e Daniel Vivanco Vázquez (2º de Bacharelato do IES Cacheiras, de Teo); así como os terceiros premios, Pablo Bocelo Bellas (2º de Bacharelato do IES Adormideras, da Coruña), Carlos García Ling (4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela) e David Mosquera Lois (1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela).

Certame nacional

Tras o seu paso pola Fase Autonómica, na que participaron este ano 190 estudantes, os 9 premiados representaron a Galicia na Fase Nacional, celebrada en Pamplona do 24 ao 28 de marzo, e na que competiron 120 alumnos. Entre os participantes galegos resultaron premiados Óscar Rivero Salgado, que obtivo o 3º lugar e unha medalla de ouro; e Inés Cadórniga e Carlos García Ling, que gañaron cadansúa medalla de bronce.

Grazas a estes resultados, Óscar Rivero Salgado formará parte do Equipo Nacional que representará a España nas Olimpíadas Internacionais. Cómpre destacar que este alumno xa resultou gañador na Fase Galega en 2009, 2010 e 2011, e aínda pode participar en 2012; mentres que Inés Cadórniga e Carlos García xa resultaran gañadores na Fase Galega de 2010.

Esforzo persoal

O conselleiro de educación amosou aos estudantes a súa satisfacción polos resultados obtidos grazas ao seu esforzo persoal. Ademais, animouno a seguir avanzando na súa formación para acadar a excelencia nas próximas fases da educación e traballar pola Galicia do futuro.

Cómpre destacar que estes estudantes se prepararon para as Olimpíadas no seu tempo libre, para o que todos os sábados entre a primeira e a segunda fase (de xaneiro a marzo) se desprazaban desde as súas respectivas localidades de orixe ata a Facultade de matemáticas de Santiago de Compostela para participar nunhas sesións preparatorias.

A Olimpíada Matemática Española é unha competición que convoca anualmente a Real Sociedad Matemática Española (RSME) para o alumnado de 2º de Bacharelato. A participación está aberta ao alumnado de 1º de Bacharelato e, excepcionalmente, ao alumnado da segunda etapa da ESO, sempre que haxa algún profesor que avale a participación.