‘O galego campa!’ levará as súas propostas dinamizadoras a sete campamentos xuvenís en agosto

Logo de pasar por 12 en xullo, chegarán desde hoxe aos de Gandarío, Equal, O Corgo, Manzaneda, Virxe de Loreto e As Sinas, nos que están de estadía preto de 700 rapaces e rapazas

Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado despregan este verán a sétima edición desta iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o uso do galego entre a mocidade no tempo libre

Ven, 04/08/2017 - 16:22
‘O galego campa!’ levará as súas propostas dinamizadoras a sete campamentos xuvenís en agosto

O programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’ levará durante o mes de agosto as súas propostas a sete novas estadías en campamentos de titularidade da Xunta de Galicia. Trátase dos que se están a desenvolver no Complexo O Corgo (Muíños), na Estación de Montaña de Manzaneda, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) e nos albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), Equal e As Sinas (Vilanova de Arousa). Neles, un total de 685 rapaces e rapazas de estadía participarán na iniciativa que impulsan as consellerías de Política Social e de Cultura e Educación, por medio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, respectivamente. En xullo, estas actividades xa chegaron a 12 campamentos que integran a Acción de Verán 2017, aos albergues xuvenís de Quiroga, Equal (Coles), Penedos de Xacinto (Entrimo) e Mariña Española (Sada) e mais nos campamentos xuvenís Illa de Ons (Bueu), Espiñeira (Boiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Furelos (Melide), A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei) e neles participaron un total de 780 rapaces e rapazas. En total, a sétima edición de ‘O galego campa!’ estará presente en 19 campamentos que se celebrarán en 15 instalacións diferentes das catro provincias galegas e terán como destinatarios preto de 1500 rapaces e rapazas de 9 a 17 anos. Actividades, formación e materiais para promover o galego ‘O galego campa!’ é un programa de dinamización lingüística que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social desenvolven a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desde a súa posta en marcha en 2011, ‘O galego campa!’ vén ofrecendo actividades para promover a visibilización e o uso da lingua galega no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como formación e recursos para o monitorado. Estes últimos están recollidos dende o 2015 no “Repositorio dixital do tempo libre en galego”, ao que se pode acceder desde o Portal da lingua galega (www.lingua.gal/o-galego-campa). Os dous departamentos están a traballar no que será o primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a xuventude da Administración autonómica, cuxa aprobación está prevista para finais deste ano.

Menús News node R