Educación e USC poñen en marcha un curso para facilitar a formación pedagóxica dos docentes de FP

O conselleiro e o reitor asinan un convenio de colaboración para impartir un curso de especialización co que se lle dá cobertura ás persoas que, pola súa titulación, non poden acceder ao máster de profesorado

Trátase dun título que se ofertará por primeira vez nunha universidade galega

Xov, 27/07/2017 - 15:20
Educación e USC poñen en marcha un curso para facilitar a formación pedagóxica dos docentes de FP

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño, veñen de asinar un convenio de colaboración para poñer en marcha na propia USC o Curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de formación profesional. Trátase dun título, que se ofertará por primeira vez nunha universidade galega, que ten por obxecto facilitar a certificación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de Formación Profesional, dando así cobertura ás persoas que, pola súa titulación, non poden acceder ao máster de profesorado.

Tal e como explicou o conselleiro, para poder impartir docencia en FP esíxense os mesmos requisitos de titulación que para facelo en ESO e Bacharelato. Isto é, e maiores de contar co título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, ou co título de grao, é preciso acreditar a formación pedagóxica e didáctica de nivel de postgrao a través do máster correspondente. “Pero hai certos casos que quedan fóra deste escenario, casos para os que agora damos unha solución dentro da USC”, remarcou Román Rodríguez. Trátase, en concreto, de certas especialidades do corpo de profesores técnicos de FP, como pode ser o caso dos ciclos superiores das familias de Imaxe persoal ou Mantemento de vehículos.

Desde xeito, tómase como referencia o establecido na orde EDU/2645/2011 do 23 de setembro, pola que se establece e regula a formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica esixida para aquelas persoas que, estando en posesión dunha titulación declarada equivalente para efectos de docencia, non poden realizar os estudos de máster. En virtude desta normativa, a USC ofertará, como título propio, este novo curso, co fin de favorecer que as persoas que se atopen nesta situación poidan rematar a súa preparación para impartir docencia.

Implantación no 2017/18

Este título comezará a impartirse na facultade de Ciencias da Educación da USC o vindeiro curso 2017/18 e terá a duración dun curso académico. Así mesmo, incluirá un módulo de Practicum para cuxa realización a USC contará coa colaboración da Consellería.

Unha vez superados os estudos, a Universidade de Santiago expedirá o título que corresponda segundo a súa normativa e, con base neste título, a Consellería emitirá un certificado oficial, con validez en todo o territorio nacional, segundo as especificacións indicadas na Orde 2011 do 23 de setembro, no que conste expresamente a posesión da formación pedagóxica e didáctica equivalente á esixida na LOE.

Ademais do conselleiro e o reitor, no acto de sinatura tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector da Ordenación e Innovación Educación e Formación do Profesorado, Manuel Vila; así como o vicerreitor da Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto Javier López.