Román Rodríguez visita o alumnado que participa nas estadías de inmersión lingüística en inglés organizadas por educación
O conselleiro achegouse ao Centro Residencial Docente de Vigo, onde destacou a boa acollida por parte dos centros das dúas principais novidades do EDUlingüe 2020, como son a extensión do plurilingüismo á etapa de infantil e a bacharelato
Segundo os datos provisionais, ao abeiro da Estratexia galega de linguas estranxeiras, máis de 80 centros ampliarán por primeira vez o plurilingüismo a infantil (Plurinfantil) e 4 introducirán Pluribach
Acadaranse así os 311 centros plurilingües e tamén se prevén 211 novas seccións bilingües chegando así ata as 4125
Ven, 21/07/2017 - 12:44

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo, onde 90 rapaces de 4º curso de ESO participan nunha estadía de inmersión lingüística en inglés impulsada polo departamento educativo do Goberno galego. Ao longo de dúas semanas, os mozos e mozas poderán mellorar a súa competencia en lingua inglesa con profesorado nativo e a través de diferentes actividades, como competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas

Durante a visita, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e do director xeral de Educación, Manuel Corredoira, Román Rodríguez lembrou a boa acollida que están tendo dúas das principais liñas da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020: a extensión do plurilingüismo a educación infantil (Plurinfantil) e a bacharelato (Pluribach).

Segundo os datos provisionais de novos centros plurilingües para o vindeiro curso 2017/18, un total de 81 centros terán por primeira vez o próximo curso plurilingüismo en infantil: 33 na provincia de Pontevedra, 26 na Coruña, 14 en Ourense e 8 en Lugo. No caso de Pluribach, serán 4 os que, tamén por primeira vez, amplíen este modelo a bacharelato.

Incremento exponencial nos últimos anos

En termos xerais, a Rede de centros plurilingües estenderase a 29 novos o curso que vén, sumando así un total de 311, un 10,3% máis que no 2016/17. Isto significa, a maiores, multiplicar por máis de 5 o número de centros plurilingües que había no curso 2010/11.

En canto ás sección bilingües, aumentan en 211 ata chegar ás 4125, un 5% máis con respecto ao curso pasado. En concreto, son 100 os centros que incorporan seccións bilingües, dos que 30 o fan por primeira vez. Si se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, o novo dato supón multiplicar por case 6 este número.

Obxectivos de EDUlingüe

Cómpre lembrar que, entre os obxectivos da Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe, está acadar, no horizonte de 2020, os 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000.

Ademais, tamén se favorecerá a certificación de nivel do alumnado ao remate da etapa, co fin de que o 30% dos mozos que finalicen a ESO en centros plurilingües certifiquen un nivel B1, e o 30% dos de bacharelato faga o mesmo en B2.