Educación convoca 140 axudas para a mobilidade de universitarios a países extracomunitarios

A Xunta destina 210.000 euros a estas bolsas

Xov, 20/07/2017 - 10:53

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2017/18. Esta acción ten como obxectivo favorecer o intercambio internacional dos estudantes. Isto permite aos alumnos integrarse nunha comunidade internacional o que é moi positivo para o seu currículo e para a súa posterior incorporación ao mundo laboral

O orzamento da convocatoria ascende a 210.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1500 euros, polo que poderán acceder a estas axudas ata 140 estudantes que ao longo do curso 2017/18 participen en programas de intercambio con países extracomunitarios, agás o programa "Erasmus+", relacionados cos estudos que está a cursar. Co fin de premiar o esforzo e a excelencia, o expediente académico será o único criterio para a concesión da axuda.

As solicitudes para as axudas deberán tramitarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED441B dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das mesmas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Os requerimentos e prazos poden consultarse no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170720/AnuncioG0164-120717-0...

Internacionalización do SUG
O obxecto do programa, que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011-12, é apoiar economicamente ao alumnado das universidades galegas que participan nun programa de mobilidade en países extracomunitarios.

Deste xeito, préstase apoio a unha experiencia que supón un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e que leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de mais calidade. A mobilidade internacional permite, así mesmo, que o alumnado se integre nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos, así como a súa cualificación e opcións de futuro.