O conselleiro asiste ao acto de entrega da insignia de ouro da Universidade de Santiago a título póstumo, a Herminio Barreiro

Xov, 14/04/2011 - 14:16
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asistiu ao acto de entrega
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asistiu ao acto de entrega da insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela a título póstumo a Herminio Barreiro

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao acto de entrega da insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela a título póstumo a Herminio Barreiro Rodríguez, que recibiu o seu fillo David Barreiro.

O acto, no que tamén estivo presente o reitor  Juan Casares Long, foi organizado polo departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, do que era membro o homenaxeado.

Durante a súa intervención o conselleiro recordou a labor deste docente falecido en novembro de 2010. Deste xeito Xesús Vázquez Abad destacou que “era un formador de formadores, un ensinante que non necesitaba as novas tecnoloxías para impartir as súas clases”, ao que engadiu que “foi un vivo exemplo do que debía de ser un docente sen perder o carácter humanos. O seu desexo fundamental ao entrar na aula era poder transmitir ao alumnado un san desexo de saber máis de indagar, de non conformarse, de abrirse a novas perspectivas, de crer no futuro”.  Asemade recordou que “o de ser docente veulle por vía xenética, ao ser fillo de mestres”.

Cómpre destacar que Herminio Barreiro traballou como profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC e publicou diversos traballos relacionados principalmente con temas históricos e educativos. Tamén dirixiu o anuario de historia da educación “Sarmiento”. Foi colaborador en medios de comunicación impresos e participou en diversas empresas culturais, sendo asemade membro do Grupo Brais Pinto.

No acto tamén participaron do director do departamento de Teoría da Educación, Antonio Rodríguez Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; e o do Consello Social da Universidade, Manuel Puga Pereira; o profesor de historia da Educación e compañeiro do homenaxeado, Vicente Peña Saavedra; e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás.