O IES Fin do Camiño, de Fisterra, recibe en Madrid un premio en recoñecemento ao impulso e mellora da convivencia

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa representou á Consellería na entrega dos galardóns

Xov, 14/04/2011 - 13:30

As boas prácticas no eido das accións a prol da convivencia escolar desenvolvidas no IES Fin do Camiño (Fisterra) resultaron hoxe premiadas na entrega de galardóns do ‘Concurso nacional de buenas prácticas para el impulso y mejora de la convivencia en el curso 2009/20010’. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, acompañou aos representantes deste instituto na cerimonia de entrega de premios, celebrada en Madrid.

O IES Fin do Camiño obtivo un terceiro premio ex aequo na modalidade B deste certame – a destinada aos centros de educación secundaria e ensinanzas de réxime especial-. Así, o Ministerio de Educación recoñeceu a boa estruturación e calidade das estratexias docentes neste centro. Ademais foi valorado moi positivamente o procedemento que se emprega neste instituto para avaliar a convivencia escolar.

A Consellería de Educación amosou aos representantes do IES a súa satisfacción polo premio obtido e animounos a seguir traballando a prol dunha convivencia en harmonía de todos os membros da comunidade educativa.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación está a desenvolver diferentes iniciativas neste sentido, entre as que destaca a elaboración do proxecto de Lei para a Convivencia e a Participación da Comunidade Educativa, unha aposta para acadar un bo clima nas aulas galegas.