“Apostamos polo traballo coordinado cos concellos para promover o uso do galego desde o ámbito local”, di Anxo Lorenzo

O responsable de Política Lingüística fixo estas declaracións hoxe en Baiona, onde presentou a actividade Canta música! do programa Bocaberta

Mér, 13/04/2011 - 18:33
Anxo Lorenzo presentou en Baiona a actividade Canta música! do programa Bocabert
Anxo Lorenzo presentou en Baiona a actividade Canta música! do programa Bocaberta

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu no “traballo coordinado e colaborativo cos concellos para impulsar o fomento do uso social do galego desde o ámbito local”. Fíxoo esta mañá no concello de Baiona, onde presentou a actividade Canta música!, do programa Bocaberta, que visitará este venres a localidade pontevedresa.

Anxo Lorenzo agradeceu “a colaboración do concello de Baiona coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para facer posible que o programa Bocaberta poida chegar tamén aos nenos e nenas da localidade. Así mesmo, incidiu na contribución do concello, a través da súa adhesión á Rede de Dinamización Lingüística, ao impulso da promoción social do galego desde o ámbito local.

Xunto co secretario xeral, participaron na rolda de prensa o alcalde-presidente do concello de Baiona, Jesús Vázquez; a concelleira de Educación, Rosa Ana Marcote; a concelleira de Cultura, María Iglesias; e Pablo Díaz e Olga Kirk, responsables da actividade do programa Bocaberta Canta música!

Actividades ligadas ao lecer e aos intereses dos máis novos


O programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que busca fomentar o uso do galego entre as franxas de idade máis novas, visitará este venres o concello de Baiona coa actividade Canta música! Este obradoiro, que está dirixido a nenos e nenas entre os 5 e os 7 anos, ten como finalidade a aprendizaxe de cancións infantís e xogos relacionados con eles e mais coa fala (adiviñas, trabalinguas, rimas…).

Desde o pasado mes de outubro ata maio, Canta música! estará nun total de 23 localidades das catro provincias. Co resto de actividades do programa Bocaberta 2010-2011 –Azou, Detrás da canción, En clave de conto, Ti creas a historia, Galimatías, Señor Mundo, dígame?, Atrapado na torre, Abrapalabra, Contos de maxia, Palabras no ar, A guerra das bruxas, Vive os contos e Ola, ola, la!– a secretaría xeral percorrerá todos os concellos de Galicia para achegarlles a lingua galega aos máis novos dun xeito lúdico, con actividades ligadas ao lecer e aos intereses dos nenos e da mocidade.

Menús News node R

Colectivo

Tema