Educación asina tres convenios coa Universidade de Santiago para o desenvolvemento de accións a prol dos estudantes

Un dos convenios asinados hoxe entre Xesús Vázquez Abad e o reitor Juan Casares Long favorece as accións para a atención á diversidade

Mér, 13/04/2011 - 13:00
Sinatura do convenio
Sinatura do convenio

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de asinar tres convenios co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, a prol do desenvolvemento de accións para a atención á diversidade, melloras enerxéticas en edificios do campus de Lugo, e para a realización do prácticum do Máster Universitario de Profesorado no curso 2011-12. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

O Protocolo de colaboración para o desenvolvemento de accións de atención á diversidade pretende sumar esforzos para realizar actuacións que incidan na igualdade de oportunidades entre os integrantes da comunidade universitaria.

Deste xeito a Consellería comprométese a apoiar todas aquelas accións que permitan o cumprimento das medidas en apoio á diversidade que incidan na posta en valor dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Pola súa banda a USC realizará programas específicos que incidan na atención individualizada a persoas con especiais características e necesidades de apoio e asistencia na progresiva eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación nos seus centros e instalacións.

Do mesmo xeito a través deste documento a USC será a responsable de asesorar e formar aos membros da comunidade universidade en todo o relativo a temas sobre a diversidade e a integración, establecendo redes de colaboración entre a universidades, coa Administración e organismos públicos e privados co obxectivo de favorecer a diversidade no ámbito universitario.

Aforro de 250.000 euros

O segundo convenio asinado esta mañá refírese á substitución das caldeiras de calefacción de gasóleo nas Facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas, ambas as dúas no campus de Lugo. As novas caldeiras serán de condensación a gas, máis eficientes.

O orzamento estimado para esta modificación é de douscentos cincuenta mil euros, que son aportados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta cantidade inclúe a instalación de gas, a adaptación das salas de caldeiras, a substitución destas e a instalación de sistemas de detección de gas. O aforro anual estimado é de máis de 40.000 euros ao ano, polo que o investimento amortizaríase en pouco máis de seis anos.

Colaboración para o Practicum

Así mesmo asinouse o convenio de colaboración para a realización do Prácticum do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas pola USC. Para a próxima edición, curso 2011-12, serán 240 prazas as ofertadas pola universidade, repartidas en 6 especialidades, e a Consellería de Educación comprométese a poñer ao seu dispor os centros educativos públicos ou concertados suficientes para que estes alumnos podan realizar o período de Practicum.

Con este fin a propia Consellería publicará nos vindeiros días unha orde na que se regulará o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do Prácticum. Deste xeito, ambas institucións deixan claro o seu compromiso para asegurar as competencias profesionais que deben adquirir os estudantes, futuros docentes da nosa comunidade autónoma.

Deste xeito a Consellería continúa a demostrar o seu compromiso cos estudantes de Galicia en todos os niveis educativos, neste caso coas universidades. Cómpre recordar que en vindeiras datas a Consellería asinará un convenio igual co asinado coa universidade da Coruña e en vindeiras datas coa de Vigo.