Valentín García destaca o valor económico e cultural do galego na xornada ‘A lingua como oportunidade’
O titular de Política Lingüística resaltou o papel da coñecida como Lei Paz-Andrade “na nosa percepción das oportunidades que nos dá a continuidade lingüística con Portugal e os países cos que comparte idioma”
O encontro, organizado polo Concello de Santiago e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa, desenvólvese ao longo de todo o día de hoxe no edificio CERSIA da capital de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na mesa inaugural do encontro “A lingua como oportunidade” que organizan o Concello de Santiago e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa (UCCLA) co apoio da Academia Galega da Língua Portuguesa.
Na súa intervención, García Gómez incidiu no valor do galego como “ponte cara aos países de lingua oficial portuguesa, que se estenden por Europa, América, África e Asia, por non falar das importantes comunidades lusófonas que atopamos en Luxemburgo, Estados Unidos ou Canadá”. “Isto significa –explicou- que temos unha enorme facilidade de comunicación con 200 millóns de persoas, algo que non estamos aproveitando suficientemente, nin no eido cultural nin no económico”. O secretario xeral considerou que “ás veces, as decisións sobre o uso dos idiomas na empresa baséanse máis na intuición ca na lóxica ou nos datos, pois doutro xeito non se entende que non se etiquete máis en galego para sacar partido do enorme potencial da nosa lingua como porta a un amplo mercado emerxente”. Con todo, mostrouse optimista: “a aprobación da Lei Paz-Andrade foi un punto de inflexión importante na nosa percepción das oportunidades que nos dá a continuidade lingüística con Portugal e os países con que comparte idioma”, asegurou, “e o aumento nun 23% do alumnado que cursa portugués nos nosos institutos é unha mostra de que a sociedade empeza a tomar consciencia dese valor”.
A canda el, participaron na mesa inaugural o alcalde, Martiño Noriega; o embaixador e representante permanente do Brasil na Comunidade de Paises de Língua Portuguesa (CPLP), Gonçalo Mello; o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Bruno Antunes Machado; o secretario xeral da UCCLA, Vítor Ramalho, e o secretario xeral da Academia Galega da Língua Portuguesa, Joám Evans.
Do Camiño Portugués ao espazo luso-afro-américo-asiático
Tras a sesión inaugural, a xornada continuou coas mesas redondas “A oportunidade do Camiño Portugués de Santiago” e “A oportunidade do espazo galaico-luso-afro-américo-asiático”. Na primeira interviñeron Flavia Ramil, xerente da Empresa Municipal de Turismo de Santiago (INCOLSA); Wiktoria Grygierzec, empresaria do sector turístico; Ricardo Bruno Antunes Machado Rio, presidente da Câmara Municipal de Braga; Rafael Sánchez Bargiela, director xerente de S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, e Lídia Monteiro, directora-coordenadora da Programación Turística do Turismo de Portugal. Na segunda, participaron María Rozas Pérez, primeira tenente de alcalde e concelleira de Economía e Facenda de Santiago; Xosé Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta; Gonçalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas compostelá; José Ramom Pichel, director de Imaxin Software; Pedro Barros, presidente da Sociedade de Promoción e Xestión de Parques Empresariais do Entro Douro e Tâmega, e Ó Ti Lin, representante do presidente da Rexión Administrativa Especial de Macau (China).
A mediodía, os asistentes acudiron a unha recepción do alcalde de Santiago no Pazo de Raxoi e, pola tarde, tomaron parte nunha visita guiada á cidade
Capitais da lingua portuguesa
A UCCLA, denominada tamén União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa, é unha asociación intermunicipal de natureza internacional creada 28 de xuño de 1985. Foi precursora da CPLP e a primeira institución público-privada orientada á cooperación para o desenvolvemento no seo da Lusofonía. Ten levado adiante accións no ámbito da saúde, da educación, da cultura, do saneamento, do medio natural, do patrimonio ou da formación empresarial, entre outros. Na actualidade conta con 23 membros efectivos, 16 membros asociados e 4 membros observadores, entre os que se encontra a cidade de Santiago de Compostela.
Cómpre lembrar que o pleno Concello de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade a adhesión á UCCLA o 20 de outubro de 2016. No ámbito da Asemblea Xeral da UCCLA celebrada o día 19 de abril de 2017 en Luanda (Angola), foi admitida a súa adhesión como membro observador.