Feiraco e Política Lingüística premian os mellores relatos das Letras Galegas
O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da cooperativa agrogandeira entregaron hoxe os galardóns da VI edición do Certame de Microrrelatos Letras Galegas 2017
Fixéronse con eles Vili Rei, Alba Sánchez e Ariadna Fernández, na categoría de adultos, e mais Candela Millán, Ana Rosa Cantalejo e Alba Suárez, na de xuvenil
Feiraco e Política Lingüística entregáronlles hoxe os galardóns aos gañadores do seu xa tradicional certame literario, que se celebra cada ano con motivo do Día das Letras Galegas, nun acto que se celebrou na sede da cooperativa agrogandeira e no que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, gabou “o éxito acadado nesta edición, que viu aumentado considerablemente o número de participantes, por esta iniciativa lingüística e cultural vida do ámbito empresarial” e animou as gañadoras e o gañador a seguir escribindo na lingua propia de Galicia.
No acto participaron canda el e canda o vicepresidente, o director da división Láctea e a xefa de Márketing de CLUN, José Montes, Pablo Gómez e Adali Morales, respectivamente; o académico da lingua galega, Xesús Ferro Ruibal; o administrador da Fundación Carlos Casares, Häkan Casares; o ilustrador Siro López, que asinou bricks conmemorativos das Letras Galegas 2017 coa caricatura de Carlos Casares debuxada por el; e mais a escritora Rosalía Morlán, en representación do xurado.
Galardoadas e galardoado
Os galardoados desta edición de 2017 foron Vili Rei por O cantil cala, Alba Sánchez por Pan duro, e Ariadna Fernández por O mar, na categoría de adultos; e Candela Millán, Ana Rosa Cantalejo por Morriña e Alba Suárez por Nun recuncho do ceo, na de xuvenil. Todas elas son composicións literarias breves, de ata 500 caracteres, que comezan pola frase da obra Deus sentado nun sillón azul “E alí estaba, sentado nun sillón azul” como xeito de homenaxe ao xornalista e escritor Carlos Casares ao que este ano se lle dedicou o 17 de Maio.
O certame, cada ano máis consolidado, incorporou como novidade esta edición unha nova categoría, a xuvenil, coa finalidade de fomentar a creación literaria en galego entre os máis novos. Entre os premios figuran diferentes seleccións de libros, entre os que se inclúe a Enciclopedia Galega Universal, ademais dunha escolma de obras literarias en galego, e variados lotes de produtos de Feiraco.
Ramo da conmemoración do Día das Letras Galegas
Con esta entrega de premios, Feiraco ponlle o ramo á conmemoración que cada ano leva a cabo polo Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que reflite o compromiso de CLUN co idioma propio, deixando constancia da plena identificación da compañía e as súas marcas con Galicia e os seus valores. Exemplos desta aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia, son outras campañas estacionais que impulsa coma o Entroido ou o San Xoán.