Educación e concello de Vilagarcía traballan na mellora dos centros educativos da localidade

O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde, Alberto Varela

Lun, 03/07/2017 - 19:55
Educación e concello de Vilagarcía traballan na mellora dos centros educativos da localidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, co obxectivo de avaliar e analizar de xeito pormenorizado a situación dos centros educativos da localidade e propor actuacións de mellora dos mesmos.

Ambos os dous acordaron seguir afondando e analizando as posibilidades financeiras de levar a cabo algunhas intervencións, sobre todo no eido infraestrutural e dotacional, contando coa colaboración do Concello.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación leva investidos máis de 2,8 millóns de euros nos últimos sete anos en diversas actuacións de mellora dos centros públicos en Vilagarcía de Arousa. De feito, entre este ano e o pasado, o departamento de Educación da Xunta de Galicia acometeu importantes melloras nos CEIP de Rubiáns, Rosalía de Castro, A Lomba e Vilaxoán, nos IES Castro Alobre e Miguel Ángel González Estévez, no CEE Vilagarcía e na EOI Vilagarcía.