García destaca a Carta como ‘o primeiro texto internacional dedicado ao recoñecemento dos dereitos lingüísticos’

O secretario xeral de Política Lingüística inagurou o Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias incidindo “na importancia de todas as linguas, as de máis falantes e as de menos falantes, na construción dunha Europa unida na diversidade”

O encontro celébrase hoxe e mañá na sede do Consello da Cultura Galega

Xov, 29/06/2017 - 12:32
García destaca a Carta como ‘o primeiro texto internacional dedicado ao recoñecemento dos dereitos lingüísticos’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou hoxe a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) como “o primeiro texto internacional dedicado especificamente ao recoñecemento de dereitos lingüísticos”. Fíxoo durante a súa intervención no acto de inauguración do Foro de debate sobre a CELRM que acolle o Consello da Cultura Galega coa colaboración co Consello de Europa. Nel participarán, ao longo de dúas sesións que se desenvolverán entre hoxe e mañá, expertos en 13 idiomas peninsulares protexidos pola devandita Carta.

García Gómez sinalou “o acerto desta convocatoria cando se cumpren os 25 anos da aprobación da CELRM”, e incidiu en que “a Carta puxo sobre a mesa a importancia de todas as linguas, as de máis falantes e as de menos falantes, na construción dunha Europa unida na diversidade”.

Galicia, foco da análise internacional sobre linguas

Valentín García deulles a benvida a todos os participantes e expresou a súa satisfacción polo feito de que, nos últimos tempos, Galicia sexa frecuente lugar de reunión para a análise ou o desenvolvemento de proxectos “que implican diversas linguas europeas”, pois isto fornece oportunidades para a “proxección exterior do galego”. “Galicia e o galego están no centro da discusión e da análise internacional sobre linguas”, dixo, lembrando a recente celebración, tamén en Santiago, do 50º Congreso Internacional do Atlas Linguarum Europae e o XXII Congreso Internacional do Atlas Linguistique Roman.

O titular de Política Lingüística recordou tamén que a Xunta de Galicia vén de acadar representación, por primeira vez, no órgano de dirección da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD, Rede de Promoción da Diversidade Lingüística), unha entidade a escala europea que ten como principal obxectivo sensibilizar sobre a importancia da diversidade lingüística e actuar como foro de intercambio de boas prácticas entre gobernos. Canda o secretario xeral participaron na mesa inaugural Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Sixto Molina, xefe da Secretaría da CELRM do Consello de Europa; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Fernando Ramallo, coordinador do foro.

Repercusión e actualidade da Carta Europea

Amazige, árabe ceutí, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués. Estas son, por orde alfabética, as linguas das que se falará durante dous días na sede compostelá do Consello da Cultura Galega, situada no Pazo de Raxoi, co fin de avaliar a repercusión e a actualidade da CELRM, especialmente dos seus artigos 7 a 13, cando se fan os 25 anos da súa aprobación.

As sesións da mañá de hoxe están dedicadas ao artigo 7 da Carta e, polo tanto, ás linguas sen recoñecemento oficial, como o asturiano, a fala ou o portugués de Estremadura, o amazige ou o galego de Castela e León e de Asturias. Xa pola tarde, a atención dos asistentes desprazarase aos artigo 8 e 9 da CELRM, centrado nas linguas oficiais nos ámbitos educativo e de comunicación. O día 30 dedicarase a mañá aos campos da xustiza (artigo 9) e da Administración (10). Pola tarde, o xefe da Secretaría da Carta pronunciará a conferencia “A monitorización do cumprimento da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias”, tras a que terán lugar as mesas redondas “Artigos 12-13. Linguas oficiais nas actividades e servizos culturais e na vida económica e social” e mais “A Carta desde as institucións culturais”. O foro pecharase coa redacción das conclusións.

Menús News node R