“Aníbal Otero estaba chamado a ser un dos alicerces da moderna filoloxía galega”, afirma Anxo Lorenzo

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou hoxe o profesor Xesús Alonso Montero no relatorio que este ofreceu en Madrid sobre o filólogo Aníbal Otero

Lun, 11/04/2011 - 20:30
O secretario xeral de Política Lingüística acompañou o profesor Xesús Alonso Mon
O secretario xeral de Política Lingüística acompañou o profesor Xesús Alonso Mon

“Aníbal Otero estaba chamado a ser un dos alicerces da moderna filoloxía galega, mestre e guía das seguintes xeracións de investigadores da lingüística galega desde a Universidade de Santiago de Compostela, papel que non puido cumprir”. Así o afirmou hoxe o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que participou no relatorio que ofreceu Xesús Alonso Montero, hoxe en Madrid, sobre o lingüista Aníbal Otero.

“Perdemos un investigador rigoroso –engadiu o secretario xeral– e a moderna filoloxía galega tivo que agardar ata os anos sesenta, cando se configurou unha xeración de filólogos baixo o maxisterio do profesor Constantino García e de Ricardo Carvalho Calero”. O secretario xeral recordou que “grazas a este novo empuxe dos estudos galegos, neste ano 2011 poderemos conmemorar os 40 anos de fecunda vida do Instituto da Lingua Galega da USC, un lugar emblemático e referente da investigación lingüística sobre o galego e que, sen dúbida, sería o lugar natural que acubillase o labor de Aníbal Otero”.

Unha traxectoria profesional e vital truncada

O profesor Xesús Alonso Montero, nun acto que tivo lugar esta tarde na Casa de Galicia en Madrid, fixo un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Aníbal Otero, sobre o que versa o seu último libro. No acto tamén participou a catedrática de Filoloxía Catalá da UNED Julia Butinyá.

Aníbal Otero: Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo é o título dunha obra narrada co rigor académico e a honradez intelectual que lle son tan propios ao profesor Xesús Alonso Montero, “un dos precursores da sociolingüística galega e cronista fértil e agudo da historia social da lingua galega ao longo do século XX”, salientou Anxo Lorenzo.

A obra, editada por Edicións Xerais de Galicia, dá conta da realidade que o filólogo Aníbal Otero –alumno predilecto do insigne fonetista Tomás Navarro, que fora un dos máis activos colaboradores do Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI) con só 24 anos e que estaba chamado a ser un dos máis grandes referentes da filoloxía de Galicia– padeceu desde que en agosto de 1936 é detido e logo encarcerado, xulgado e sentenciado a reclusión. A reclusión en diferentes cárceres duraría case cinco anos en diferentes penais de España, o que truncou para sempre a súa traxectoria vital e profesional.

Por isto, Anxo Lorenzo agradeceulle ao profesor Alonso Montero que puxera “todo o seu saber e todo o seu empeño no labor de restituír a Aníbal Otero, de devolvérnolo, para que nunca máis se siga cometendo a inxustiza de mantelo no esquecemento”, asegurou.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza