O conselleiro de Educación clausura o XLVI Congreso Nacional de Relacións Laborais e Graduado Social, na Coruña

Xesús Vázquez Abad dirixiuse a os representantes de 27 facultades de toda España e case 300 participantes

Ven, 08/04/2011 - 14:44
Clausura o XLVI Congreso Nacional de Relacións Laborais e Graduado Social
O conselleiro de Educación clausura o XLVI Congreso Nacional de Relacións Laborais e Graduado Social, na Coruña

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe o XLVI Congreso Nacional de alumnos e ex alumnos de Relacións Laborais e Graduado Social, que se está a celebrar desde o luns na Coruña, e que rematará mañá.

Durante a súa intervención o conselleiro referiuse aos asistentes e dixo que “confírmase que estamos perante un colectivo profesional que representa o paradigma da excelencia no ámbito das actividades que se desenvolven nos máis eficaces e dinámicos campus de España.

Asemade Vázquez Abad recordou a evolución académica dos estudos de Relacións Laborais e sinalou que “nos anos vinte do século pasado, comezaron a pórse en marcha as primeiras Escolas Sociais, sendo pioneiros do nacente sistema educativo prognosticaban a súa importancia como potenciador do factor humano no sistema das relacións económicas e empresariais. Máis recentemente, nos anos oitenta, implantáronse os estudos de Graduado Social. E nos anos noventa establecíase o título universitario de Diplomado en Relacións Laborais”, e engadiu que “hoxe, cando xa estes estudos están plenamente  adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior e constitúen disciplinas que se axustan ás esixencias de Bolonia, a transversalidade dos seus contidos formativos ten cada vez máis interese e importancia para o mundo empresarial”.

O encontro

No encontro, inaugurado o martes pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reuníronse 27 facultades de toda España e 300 participantes, dos que 150 son da Universidade da Coruña. Un congreso que nesta edición reuniu a expertos na materia como o catedrático de Dereito do Traballo da Universidade Rey Juan Carlos, Antonio Sempere, e o seu homólogo na UDC, Jesús Martínez Jirón. Eles, xunto ao resto de participantes trataron temas relativos á reforma laboral, o absentismo no traballo, as técnicas de negociación ou o despido por causas obxectivas tra sas reformas do 2010.

Ademais déronse relatorios sobre a importancia da comunicación e negociación eficaz tanto na sala de traballo como de cara ao clientes, e tamén falaron sobre a importancia de descubrir os puntos máis destacables da formación de cada profesional.

Os asistentes

No acto de hoxe, celebrado na sede da Fundación Caixa Galicia, tamén estiveron presentes o  reitor da UDC, José María Barja; o alcalde da Coruña, Javier Losada; o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Germán Prieto- Puga; e a subsecretaria de Xustiza, Purificación Morandeiras. Xunto a eles tamén estiveron o presidente do Padroado da Escola Universitaria de Relacións Laborais, José Mª Botana; e o presidente da Asociación Estatal de Alumnos e Ex-alumnos de Relacións Laborais, Recursos Humanos e Graduado Social (AERELABO), Antonio Olliván Arjona.