Representantes de 374 centros educativos reúnense nos encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

O conselleiro de Educación asiste hoxe a estas xornadas de intercambio de experiencias arredor das iniciativas para o fomento da lectura

Ven, 08/04/2011 - 11:39

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria reúne estes días en Santiago de Compostela a representantes dos 374 centros escolares que participan no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (Plambe) e a inspectores, nun encontro no que están a intercambiar as experiencias desenvolvidas ao abeiro deste plan para o fomento do hábito lector entre os máis novos.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal, e o o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiron esta mañá aos encontros do Plan de Mellora, que se están a desenvolver no Palacio de Congresos de Compostela. Durante o encontro, Vázquez Abad destacou o importante papel das bibliotecas escolares, “que están a ser motores de innovación nos centros educativos”. “Alá onde a biblioteca inicia o seu proceso de transformación, comezan a modificarse tamén algunhas prácticas educativas e as metodoloxías innovadoras van gañando terreo no día a día do centro. Vanse procurando respostas ás novas necesidades, adaptándose ás novas tendencias en aprendizaxe, esas que nos falan de participación, de colaboración, de horizontalidade na toma de decisións, de enfoques máis acordes coas formas de acceder á información e de construír o propio coñecemento”, engadiu.

Ademais o conselleiro fixo referencia á tarefa que está a desenvolver o profesorado neste sentido, e lembrou que a Consellería traballa na súa formación “pois é un dos factores fundamentais á hora de sacar rendemento destes recursos e de garantir a súa eficacia na consecución da excelencia nos resultados educativos, un dos obxectivos para os vindeiros anos”.

Finalmente o conselleiro recordou os resultados académicos que se están a derivar do Plan LÍA, unha iniciativa que “favorece a universalización dun modelo de biblioteca que está demostrando ser útil, contribuír a adquisición de competencias básicas no alumnado e fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa”.

Neste curso participan no Plambe un total de 374 centros escolares, aos que se incorporarán o vindeiro curso outros 75. No curso 2011/2012 as bibliotecas participantes recibirán máis de 1,6 millóns de euros para a renovación dos seus fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), así como para a renovación de equipamento e mobiliario. Deste xeito queda demostrado o apoio da co este programa, para o cal incrementa o seu orzamento en máis de 400.000 respecto do presente curso, malia á crise económica.

Plan LÍA

O Plambe está enmarcado no PLAN LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe), mediante o que a Consellería de Educación impulsa diversas accións todas elas destinadas ao fortalecemento da Rede de bibliotecas escolares, e ao fomento da lectura entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Un dos obxectivos do LÍA é dotar ás bibliotecas dos centros de ensino non universitario de fontes informativas actualizadas e variadas, impresas, audiovisuais ou electrónicas, que permitan ao alumnado formarse nas distintas áreas de aprendizaxe, contrastando datos e ampliando contidos. Con este fin a Consellería  distribuíu recentemente un total de 418.900 €, que se sumaron aos 203.500€  recibidos para a renovación de mobiliario e equipos audiovisuais ou informáticos.  Estas asignacións extraordinarias beneficiaron a 677 centros públicos de distintos niveis de ensino.

Desta forma, a consellería quere apoiar ás comunidades educativas que están a realizar un importante esforzo por ofrecer ao seu alumnado uns recursos culturais e educativos de calidade, acordes coas necesidades da sociedade da información. Cómpre salientar, que nun intento de apoiar tamén á rede de librerías da comunidade autónoma, en carta dirixida aos centros recoméndase que as adquisicións se realicen en librerías da zona de referencia de cada un dos centros beneficiados.

O Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares, contempla tamén entre os seus obxectivos, actuacións para mellorar a lectura comprensiva, a escritura e as habilidades no uso da información da poboación escolar galega, así como estimular a experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa, a travé sde programas como ‘Hora de ler’, de fomento da lectura en centros educativos. Unha das iniciativas de maior calado é a dos Clubs de lectura, que se desenvolven xa en máis de 200 centros de ensino secundario de toda a comunidade. Arredor de cinco mil persoas, entre alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, participan dunha iniciativa que está a poñer en valor o libro e a lectura e que reúne, en tempo non lectivo, a persoas que desexan compartir a súa experiencia lectora. Para o vindeiro curso está prevista unha nova convocatoria de axudas que, nesta ocasión, distribuirá un total de 200.000€, de acordo cos positivos resultados que está a demostrar entre un sector de poboación especialmente sensible e necesitado de atención para que incorporen a lectura como práctica cotiá, necesaria para a formación persoal, académica e social, e imprescindible para a participación na sociedade democrática.

Os resultados

As distintas iniciativas postas en marcha ao abeiro do Plan LÍA están a deixar uns resultados satisfactorios, convertendo ás bibliotecas dos colexios e institutos galegos nun referente no conxunto das comunidades autónomas. Así, na última convocatoria do Premio Nacional de boas prácticas na dinamización de bibliotecas de centros de ensino, do Ministerio de Educación, correspondente ao ano 2010, o primeiro premio da modalidade de centros de ensino infantil e primario correspondeu a un centro galego, o CRA Mestra Clara Torres, de Tui, e recibiron premio tamén outras 7 bibliotecas galegas, sumándose ás máis de 20 bibliotecas da Comunidade Autónoma que xa recibiran este galardón con anterioridade.

Ademais, nos resultados acadados polo alumnado da comunidade autónoma galega nas últimas probas PISA, apreciouse unha lixeira mellora dos índices de comprensión lectora.

Experiencias e relatorios

Durante os dous días de duración do encontro, os distintos centros participantes do Plambe intercambian experiencias arredor das diferentes actividades que están a  realizar para o fomento do hábito lector entre as súas alumnas e alumnos. Ademais os responsables de desenvolver o Plan en cada centro poden asistir a relatorios de especialistas no eido de Biblioteconomía e a Documentación. Así, na xornada de onte o programa incluíu a conferencia “Bibliotecas escolares, ¿para que? Como facer da biblioteca algo imprescindible”, da  profesora da Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona, Mónica Baró. Ademais, o coordinador do Proxecto Meiga da Consellería de Cultura e Turismo, César Iglesias, explicou as posibilidades pedagóxicas deste proxecto; mentres que o profesor da Facultade de Tradución e Documentación da Universidad de Salamanca José Antonio Cordón abordou os recursos para aprendizaxe que se poden obter do uso combinado das redes sociais e a web 2.0 nas bibliotecas escolares. Pechou a primeira xornada o relatorio “A colección da biblioteca escolar entre interrogantes: Por qué, para qué, qué e cómo”, impartida por Luis Miguel Cencerrado, representante da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, de Salamanca.

O segundo día do encontro abriuse co relatorio de Teresa Mañá e Mónica Baró (Universitat de Barcelona) arredor das prácticas de autoavaliación na biblioteca escolar, e continuará cunha sesión de mesas simultáneas sobre experiencias con banda deseñada e cine na biblioteca, e cun obradoiro sobre o mundo da banda deseñada a cargo do escritor, ilustrador e editor Kiko da Silva.

A última conferencia xirará arredor da lectura entre a xente nova, e será impartida polo recoñecido escritor Xosé Neira Vilas.