Irene Valdeturren, do Liceo la Paz, gañadora da fase galega do certame Que é un rei para ti?

O director xeral de Centros e Recursos Humanos participou na entrega de premios, no que se recoñeceu o traballo de 20 escolares

Ven, 09/06/2017 - 15:34
Irene Valdeturren, do Liceo la Paz, gañadora da fase galega do certame Que é un rei para ti?

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, representou esta mañá á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na entrega de premios da fase autonómica da XXXVI edición do Concurso Nacional Que é un rei para ti? organizado pola Fundación Institucional Española (FIES) e dirixido a escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria ou de 1º e 2º da ESO.

Durante a súa intervención o director xeral, que salientou a difícil tarefa do xurado para escoller os 40 finalistas de entre os 2.087 alumnas e alumnos participantes, de 127 centros diferentes; agradeceu o papel motivador das familias e profesorado polo seu compromiso e implicación na educación dos máis novos. Pinal Rodríguez destacou tamén o esforzo realizado polos escolares para investigar, estudar e crear a partir dos coñecementos adquiridos; así como a súa imaxinación para expresar o que significa para eles a imaxe do monarca.

No acto, celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), fíxose entrega dos premios aos alumnos galardoados na fase autonómica galega e deuse a coñecer o nome do gañador do concurso por Galicia, Irene Valdeturren Cordero, do colexio plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), que representará á Comunidade Autónoma na audiencia co Rei.

Ademais de Irene Valdeturren, recolleron hoxe os premios outros 39 alumnas e alumnos dos CEIP Castrelo de Miño (Ourense), Emilia Pardo Bazán (A Coruña), San Miguel de Reinante (Barreiros), Bibei (Viana do Bolo), A Ponte (Ourense); dos colexios plurilingües Manuela Rial Mouzo (Cee), Divina Pastora (Ourense), Barreiro (Vigo), Las Acacias (Vigo), Cervantes (Lugo), Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra), Jorge Juan (Narón), Mercantil (Vigo), Mariano (Vigo), Hermanos Quiroga Rodríguez (O Porriño), Mª Inmaculada Carmelitas (Vigo), Niño Jesús de Praga (Vigo); do centro de educación especial O Pino (Ourense); e do IES Vilar Ponte (Viveiro).

Un certame creativo

O concurso premia a aqueles nenos e nenas que atopan un xeito creativo de mostrar unha figura institucional como é o Rei, amosando a visión persoal dos rapaces marcada pola súa curta idade. Os traballos puideron ser presentados en calquera formato: presentacións multimedia, vídeo, audio, traballos artesanais, manuais... No caso destes últimos, debían ir acompañados por un breve escrito que explicara o seu contido.

Como en cada edición, o FIES organizará un acto no que se exporán os 21 traballos gañadores e ao que acudirán os alumnos acompañados polos seus profesores e familiares e no que terá lugar unha entrega de diplomas, figuras e agasallos.

 

A fundación

A Fundación Institucional Española (FIES) é unha entidade cultural privada creada no ano 1976 co fin de fomentar e estimular o estudo da Monarquía como institución, fomentar o coñecemento e o respecto as persoas que a encarnan, divulgar os beneficios da Monarquía e facer promocións das iniciativas que promovan a divulgación e formación da sociedade nos valores de convivencia e solidariedade, como reflexo da liberdade e pluralidade propugnada pola Coroa na España actual.