Román Rodríguez convida ás empresas a confiar na FP como axuda á innovación e competitividade

O conselleiro de Cultura e Educación participou no Club Financeiro nun almorzo coloquio no que incidiu na necesidade de colaborar co tecido produtivo para ampliar iniciativas como a formación dual

Os proxectos xa rematados desta modalidade de FP avanzan uns datos de inserción laboral superiores ao 80%

O titular do departamento educativo da Xunta anunciou novas colaboracións con empresas coruñesas para o vindeiro curso

Ven, 02/06/2017 - 17:25
Román Rodríguez convida ás empresas a confiar na FP como axuda á innovación e competitividade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,  participou hoxe nun almorzo coloquio no Club Financeiro Atlántico da Coruña no que convidou ás empresas a confiar na formación profesional para “axudarvos a ser máis innovadores e competitivos”. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que nos últimos anos a FP galega viviu unha revolución silenciosa a través da que se creou un modelo sólido, forte e cunha oferta diversificada e vinculada ao territorio. Non en balde, xa se levan adaptados á realidade social e produtiva de cada zona da Comunidade Autónoma máis de 130 ciclos.

Román Rodríguez sinalou a formación dual como a vía idónea para a colaboración co tecido empresarial, unha modalidade que, nos proxectos xa rematados avanza uns datos de inserción laboral superiores ao 80%, o que contribúe de forma substancial á estratexia da Xunta de Galicia en prol do emprego xuvenil. A este respecto explicou que na Coruña existen centros educativos de referencia na impartición de ciclos formativos, como é o caso dos CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, Paseo das Pontes e Someso; dos IES Fernando Wirtz Suárez, Urbano Lugrís e A Sardiñeira e, de xeito especial, o IES Imaxe e Son, que é referente a nivel nacional nesta familia profesional.

“Todos eles están xerando un escenario favorable para que a FP se sitúe como peza clave en todo o entorno económico, social e laboral da Coruña”, dixo o conselleiro, que anunciou ademais que están previstas novas colaboracións para o vindeiro curso en materia de formación dual con empresas como Hijos de Rivera, Repsol, Panadería da Cunha ou Inditex, iniciativas que se unirán á que xa funciona en colaboración con Gas Natural Fenosa.

O conselleiro explicou que o seu departamento quere implicar o empresariado no desenvolvemento dunha formación profesional de futuro que signifique emprego, calidade e progreso económico. Co fin de fomentar esta liña, a Consellería está a traballar para que o apoio e respaldo que prestan todas estas empresas colaboradoras “sexa coñecido e recoñecido” como xa o é o conxunto destas ensinanzas en si, que contan xa cun amplo recoñecemento social.