A Xunta abre o prazo para incorporar 35 novos centros ao plan de mellora de bibliotecas escolares

A iniciativa busca impulsar un modelo que as converta en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxes múltiples, que contribúa tamén á inclusión e á compensación de desigualdades

A igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primará os centros situados no rural

Sáb, 03/06/2017 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170602/AnuncioG0164-220517-0006_gl.html ) a orde pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018, co obxectivo de incorporar outros 35 centros a este programa. Cómpre lembrar que no actual ano académico hai un total de 615 centros de ensino incorporados.

A través desta convocatoria, á que se destinan 1.342.000 euros, búscase seleccionar novos centros para a súa incorporación ao plan, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias. Cabe salientar que, a igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primará os centros situados no rural.

As axudas para os centros de nova incorporación -25 públicos e 10 concertados- estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación decidirase logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación  aos criterios  recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).

No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 poderán recibir asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os que se integraran entre 2008 e 2015 recibirán asignacións para fondos, e os centros integrados na convocatoria de 2016 poderán recibir contías para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

No caso dos centros concertados integrados na convocatoria 2016 poderán percibir axudas para fondos documentais, mobiliario e outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento.

Novo modelo

O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación,  a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas,así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar. 

Plan LÍA

Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos, a rede de bibliotecas escolares precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.

Asemade, buscase continuar afianzando os bos resultados que o sistema educativo galego está a colleitar no referido á competencia lectora. Non en balde, Galicia acadou no Informe PISA 2015 unha puntuación de 509 puntos na competencia lectora, moi por riba dos 479 de 2006 e superando as puntuacións medias dos países da OCDE (493), da UE (494) e a media estatal (496).