Valentín García participa en Vigo na homenaxe á galeguidade de Paz-Andrade e Antía Cal

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto no que dúas das aulas da Escola Universitaria de Estudos Empresariais se bautizaron cos nomes da pedagoga e do empresario

Lun, 22/05/2017 - 23:06
Valentín García participa en Vigo na homenaxe á galeguidade de Paz-Andrade e Antía Cal
Valentín García participa en Vigo na homenaxe á galeguidade de Paz-Andrade e Antía Cal

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía en Vigo no acto de homenaxe á pedagoga Antía Cal e ao empresario Valentín Paz-Andrade, no marco das accións que están a levar a cabo a Xunta de Galicia, o Foro Enrique Peinador, a Universidade de Vigo (UVigo) e o Concello, para poñer en valor e divulgar o espírito de galeguidade que inspirou a Revista de Economía de Galicia editada pola tamén viguesa Galaxia entre os anos 1958 e 1968 e a galeguidade empresarial, e que está acoller a Escola Universitaria de Estudos Empresariais. A iniciativa forma parte do acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación e a UVigo en materia de normalización lingüística.

Dúas aulas recoñecen a galeguidade innovadora

Así, desde hoxe, dúas das aulas deste centro quedan bautizadas cos nomes da pedagoga que desenvolveu aquí boa parte do seu labor profesional e do empresario galeguista, que tamén elixiu a cidade olívica para localizar o grupo industrial Pescanova. García Gómez gabou na súa intervención as dúas figuras homenaxeadas e salientou a importancia de empregar e promover socialmente a lingua propia de Galicia desde o sector socioeconómico.

O secretario xeral incidiu en que “o idioma é un activo para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia e, asemade, o sector empresarial é imprescindible para a valoración social e o uso da lingua”, ademais de recordar a recente aprobación, pola Xunta, do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, “que se acordou e completou con máis de 300 achegas e que agora se implementa con iniciativas coma esta, que buscan implicar a todos os axentes do sector”.

Tamén participaron no acto, ademais do titular de Política Lingüística e da homenaxeada, o fillo de Valentín Paz-Andrade, Alfonso Paz-Andrade; o alcalde vigués, Abel Caballero; a directora da escola, Consuelo Currás, e o xornalista Eduard Rolland.

Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico

Dende o pasado 2016, a Xunta de Galicia conta cun instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. Este plan, ao que a Consellería de Cultura e Educación lle dedicará máis de 5 millóns de euros, desenvolve por primeira vez desde a Administración autonómica as directrices para este sector establecidas no Plan xeral de normalización da lingua galega .

O documento, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, foi acordado e completado coas achegas de 314 axentes implicados no sector económico, ademais do Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

Colaboración coa Universidade de Vigo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coas tres universidades galegas nas actividades que estas desenvolven, a través dos seus servizos ou áreas de normalización lingüística, para a promoción do idioma galego. Para iso, asina anualmente cadanseu convenio de colaboración en materia de normalización lingüística, que inclúe actuacións como a organización de xornadas formativas e divulgativas, a convocatoria de premios, o asesoramento lingüístico para traballos de investigación e mais a elaboración de materiais e dun estudo sociolingüístico.

Menús News node R