O IES Laxeiro (Lalín) acolle unhas xornadas de atención educativa ao alumnado de altas capacidades

O obxectivo é afondar na diagnose e tratamento educativo destas situacións

Xov, 11/05/2017 - 18:40

O Centro de Formación e Recursos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra (sección Lalín) organiza no IES Laxeiro unhas xornadas de atención ao alumnado de altas capacidades, co fin de afondar nas particularidades do tratamento educativo destes rapaces. O director xeral de Educación, Fp e Innovación educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe na inauguración desta actividade formativa, que está recoñecida con 10 horas de formación do profesorado, e cuxo programa se completará os días 18 e 24 deste mes.

O programa de hoxe centrouse no relatorio da psicóloga Carmen Sanz Chacón, experta en intelixencia humana, superdotación e altas capacidades, Dende o fracaso escolar á excelencia educativa. Nel afondouse nas características dos nenos superdotados e no seu diagnóstico, así como nas técnicas de educación especial máis axeitadas. Así mesmo, abordáronse os problemas específicos destes nenos e nenas no eido emocional, escolar e social.

O día 18 será a quenda da doutora en psicoloxía infantil e escolar Carmen Pomar, directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. O seu relatorio, O triángulo máxico das AACC. O desexo de crear ou crear desexos, fará un percorrido polos perfís máis importantes das altas capacidades (cognitivo, emocional e motivacional) e fará fincapé sobre a importancia da detección na aula para deseñar o proceso de intervención máis axeitado. Asemade, trataranse modelos de enriquecemento como o Renzulli, e oorganizaranse tarefas e exercicios para este alumnado.

A xornada final desenvolverase no IES O Couto e no CEIP Mestre Vide (ambos de Ourense), con dúas conferencias. Na primeira delas, Non traballar máis, senón facelo de xeito diferente, Pilar Ferreira Rivera abordará o uso de talleres, proxecto e sistemas de innovación como programas de enriquecemento. No segundo, Cultura con Vide. Unha experiencia en AACC, Francisco Javier Pérez Iglesias e Bienvenido Suárez relatarán a posta en marcha dunha aula para altas capacidades neste centro, os obxectivos procurados e os resultados obtidos.