Cultura e Educación concede 970 axudas complementarias á mobilidade do Programa Erasmus
As bolsas incrementan o seu importe mínimo dos 80 aos 105 euros, chegando a un máximo de 175 euros ao mes
Manteñen unha duración máxima de 9 meses, 2 máis ca o máximo establecido polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos
Ademais, concedéronse 716 axudas de 500 euros por nota de expediente
Mar, 09/05/2017 - 10:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder un total de 970 axudas complementarias para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que durante o curso 2016/2017 participa no Programa Comunitario de Mobilidade Erasmus; unha convocatoria á que se destinan 1,4 millóns de euros, a mesma que no curso anterior.

Por universidades, concedéronse 346 bolsas a alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, 234 aos da Universidade da Coruña e 390 aos da Universidade de Vigo. No referido aos país de destino o máis numeroso é Polonia (213 bolseiros), seguido de Italia (180), Portugal (88), Romanía (66), Alemaña (63), Francia (53), República Checa (50), Reino Unido (48), Bélxica (29), Irlanda (28), Hungría (20), Finlandia (19), Eslovaquia (18), Noruega (14), Eslovenia (14),  Lituania (10), Suecia (9), Austria (9), Croacia (8), Grecia (7), Letonia (6), Holanda (5), Bulgaria (5), Turquía (4), Chipre (2) e Estonia (2). A resolución pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22021

Para este curso as axudas incrementan os seus importes, de tal forma que o mínimo ao mes pasa de 80 a 105 euros, a axuda intermedia de 120 a 145 e a máxima se eleva de 150 a 175 euros. Deste xeito, un ano máis, a galega é a mellor convocatoria de todo o Estado, ao establecer tamén en 9 meses a duración máxima da axuda, o que supón 2 meses máis do tope máximo de sete mensualidades establecido polo Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE). Deste xeito, a contía mínima de axuda concedida foi de 420 euros e a máxima de 2075 euros. En calquera caso, a contía media da axuda outorgada ascende a 1443,29 euros.

Ademais, a Consellería concede unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento para os mellores expedientes que solicitaran a axuda. En total, este ano asignouse esta bolsa extra a 716 alumnos, case o 75% do total de bolseiros.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.