A III Xornada do Día das Letras reunirá en Ourense docentes de toda Galicia arredor de Casares

Política Lingüística e o CAFI organizan mañá este encontro que inclúe conferencias e presentación de experiencias de centros educativos

Ven, 05/05/2017 - 16:49

Docentes das catro provincias galegas reuniranse mañá no Liceo de Ourense para formarse, reflexionar e debater arredor da figura de Carlos Casares na III Xornada do Día das Letras Galegas organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) na cidade natal do escritor.

A conferencia inaugural, que leva por título “Carlos Casares, editor e xestor Cultural”, correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega. Tras ela, e ao longo da mañá, desenvolveranse os relatorios que abordarán desde diferentes perspectivas a figura do autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Xa pola tarde, daráselle paso a unha mostra de boas prácticas e experiencias dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) dos centros educativos relativas á difusión da obra do escritor ourensán.

Literatura, tradución, xornalismo e universalismo

Diversos investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades intervirán con relatorios centrados na produción literaria do escritor ourensán. Armando Requeixo farao coa conferencia “Carlos Casares e a literatura do seu tempo”, Mar Fernández Vázquez coa titulada “Os personaxes na literatura infantil e xuvenil” e Laura Piñeiro coa centrada en “A narrativa breve de Casares: de 'Vento Ferido' a 'Os escuros soños de Clío'”.

Tamén participarán ao longo da xornada de mañá o periodista Héctor Cajaraville, quen disertará sobre “Casares e o xornalismo”; Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, quen se referirá tanto ao tema “Casares e a tradución” como ás “Actuacións e actividades da Fundación”, e o profesor do IES As Lagoas Alfonso Monxardín, quen impartirá o relatorio “Casares: un ourensán universal”.

Boas prácticas dos equipos de dinamización da lingua galega

Na sesión da tarde, que se desenvolverá a partir das 16:00 horas, os EDLG de sete centros educativos presentarán experiencias positivas e innovadoras orientadas a difundir entre o alumnado a figura e a obra do autor a quen se lle dedicará o próximo 17 de maio. Trátase de “Carlos Casares, un escritor desta Galaxia”, do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda (A Coruña); “Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias”, do IES Carlos Casares (Vigo); “Telexornal Casares”, do CPI dos Dices (Rois); “Carlos Casares: DCine”, do IES Isaac Díaz Pardo (Sada); “Casares, o noso fío condutor”, do CEIP A Ponte (Lugo), “Lemos por e para vós”, do IES Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez);e “Casares-Ton”, do CEIP do Carballal (Marín).

Celebración das Letras Galegas

A III Xornada do Día das Letras Galegas organízaa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á que pertence o CAFI, no marco da programación que a Xunta de Galicia destina a conmemorar o 17 de maio e a difundir a vida e a obra do autor homenaxeado en tal data. Poden consultarse máis iniciativas e materiais relacionados con esta celebración no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/letras-galegas).

Menús News node R