Corenta alumnos da ESO ven recoñecido o seu traballo cos premios ao rendemento académico e ao esforzo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Novacaixagalicia colaboran na concesión destes galardóns

Ven, 25/03/2011 - 12:23
Corenta alumnos da ESO ven recoñecido o seu traballo cos premios ao rendemento a
Corenta alumnos da ESO ven recoñecido o seu traballo cos premios ao rendemento académico e ao esforzo

Corenta alumnas e alumnos viron hoxe recoñecido o seu traballo cos premios dos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico, e ao esforzo e superación persoal correspondentes ao curso 2009-2010. Os galardóns, froito da colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Novacaixagalicia, foron entregados hoxe no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea Vila; e o resto dos secretarios e directores xerais, así como outros representantes da Consellería de Educación.

No acto de entrega o conselleiro destacou o valor destes premios para “percibir como se vai traballando a igualdade de oportunidades efectiva, como se acada un ensino comprensivo e de integración, unha educación que atende á diversidade e que responde ás necesidades concretas do alumnado, xuntando excelencia con equidade”.

Neste sentido o conselleiro gabou aos galardoados, “rapazas e rapaces que pasaron por riba de todas as barreiras e foron quen de levar adiante os seus estudos con éxito”. Así, felicitounos por acadar uns premios que “recoñecen a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor que tiveron un froito medible, un resultado académico excelente”. Vázquez Abad lembrou que estes galardóns “recoñecen o voso mérito, pero tamén o das mulleres e homes que fixeron posible que esteades hoxe aquí, os docentes e familias que están detrás de cada un de vós”.

Ademais o conselleiro agradeceu a Novacaixagalicia a colaboración prestada na convocatoria destes galardóns “e a súa participación neste acto de homenaxe que, ademais de merecido é necesario, é un aliciente para o alumnado en xeral”.

Como galardón, os premiados -vinte na categoría de rendemento académico, e outros vinte na de esforzo e superación persoal- recibiron unha dotación económica e un diploma acreditativo.

Impulso ao esforzo

Cos premios entregados hoxe Novacaixagalicia e a Consellería pretenden impulsar un sistema educativo no que cada alumno sexa quen de regular a súa propia aprendizaxe, a través da súa responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ao tempo quérese dar pulo á creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor dos estudantes, co obxectivo de acadar unha educación de calidade.

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal búscase recoñecer e valorar publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Respecto da modalidade de rendemento académico, os candidatos debían ter unha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos. Ademais, tiveron que superar unha proba, realizada o pasado 30 de novembro nas capitais de provincias. Neste exame, estruturado en dúas partes, valorouse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía e latín.