Educación regula por primeira vez o funcionamento das escolas de arte e superiores de deseño

Desta forma dáse resposta ás características singulares destes centros

Xov, 24/03/2011 - 16:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará por primeira vez a escolas de arte e superiores de deseño dun regulamento orgánico (ROC) que prevé as súas especificidades. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao decreto polo que se establece o Regulamento orgánico destas escolas na Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se fixa para estes centros un marco de organización, funcionamento e goberno diferenciado dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas de réxime xeral.

Desta forma, a Consellería dá resposta ás características singulares destas escolas, dotándoas dun regulamento que permite a estes centros poñer en marcha dinámicas de funcionamento propias, nas cales concreten tanto os aspectos relacionados co seu goberno e administración coma aqueles de tipo organizativo que permitan realizar de maneira específica os proxectos educativos e as actividades académicas e artísticas propias destes centros.

Avaliación da calidade

Asemade, e coa finalidade de garantir a calidade e promover a excelencia das escolas de arte e superiores de deseño, este decreto establece a realización de avaliacións internas, por parte de cada escola, e externas baixo a responsabilidade da Consellería. O obxectivo é pescudar o nivel de logros destes centros docentes públicos, de acordo cos requirimentos sociais da formación nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e as superiores de deseño. A información obtida mediante estas avaliacións ha permitir determinar os elementos que actúan sobre a eficiencia e a eficacia das escolas de arte e superiores de deseño para, en consecuencia, ratificalos, modificalos ou substituílos coa finalidade de asegurar a súa calidade.

Neste sentido, e co fin de lograr nestas escolas actuacións de excelencia, este decreto establece medidas de coordinación entre o profesorado, e promove a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación. Doutra banda a Consellería comprométese, ao abeiro deste decreto, a fomentar a formación dos docentes de artes plásticas e deseño establecendo programas específicos para tal fin.

A elaboración de regulamentos orgánicos para as escolas de arte e superiores de deseño era unha tarefa pendente desde a publicación da LOE en 2006. Coa súa redacción, en pouco máis dun ano, a actual Consellería dá mostra do seu compromiso coas ensinanzas de réxime especial, e coa calidade do ensino que reciben as súas alumnas e alumnos. Este ROC únese ademais aos xa aprobados para as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia e para os conservatorios de música e danza, cuxo funcionamento quedou regulado tamén por primeira vez de xeito específico.