Xunta e USC avanzan no proxecto básico da facultade de Medicina, que se licitará de xeito inmediato

O proxecto estará listo a finais deste ano co fin de poder comezar as obras entre finais do 2018 e principios do 2019

Na reunión, á que asistiron os conselleiros de Educación, Facenda e Sanidade, e o reitor da USC, tamén se abordaron as necesidades de profesorado do grao de Medicina

Lun, 24/04/2017 - 20:15
Xunta e USC avanzan no proxecto básico da facultade de Medicina, que se licitará de xeito inmediato

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; de Facenda, Valeriano Martínez; e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, xunto co reitor da Universidade de Santiago (USC), Juan Viaño, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo para abordar a posta en marcha da nova facultade de Medicina, tanto desde o punto de vista construtivo como de profesorado.

Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, coa xuntanza deuse un paso moi significativo para impulsar unha peza estratéxica para o sistema universitario e asistencial, para impulsar un proxecto vital para Galicia, posto que se acordou licitar, de xeito inmediato, o proxecto básico do novo complexo, cuxo custe ascenderá a 400.000 euros e prevese que estea listo a finais deste ano.

Unha vez realizado o proxecto básico, procederase a licitar o de execución e obra, co fin último de poder iniciar as obras entre finais do 2018 e principios do 2019. A maiores, e de xeito conxunto ao procedemento construtivo, tamén se poñerá en marcha un plan sectorial para definir desde un punto de vista urbanístico as condicións da parcela, abordando os seus diferentes usos.

Reforzo do persoal docente

Por outro lado, na reunión tamén se avaliaron as necesidades docentes do grao de Medicina, partindo da base de que moitos profesores realizan unha dobre función: docente e asistencial. Neste sentido, as consellerías de Educación e Sanidade, en conxunto coa USC, reforzarán o profesorado do grao, dotándoo de prazas precisas tanto no eido asistencial como docente.

Unha primeira fase consistiría na inclusión, por parte da USC, de prazas de profesor asociado LOU naquelas áreas onde haxa Profesorado Asociado de Ciencias da Saúde doutores (PACS) que, nunha segunda fase, estabilizaríanse a profesorado permanente con vinculación asistencial. Isto ten dous obxectivos: por unha banda cubrir as baixas ocasionadas polas xubilacións e, por outra, facilitar o comezo dunha carreira académica e investigadora aos profesionais clínicos.

Deste xeito a Xunta de Galicia aposta pola estabilización dos docentes vinculados ao Grao en Medicina, ao tempo que se compromete co incremento do cadro de persoal desta titulación para os vindeiros anos.

Na reunión tamén estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos López-Prado; a directora xeral de Recursos Económicos da Consellería de Sanidade, Mª Jesús Piñeiro Bello; o xerente do Sergas, Antonio Ferández-Campa; o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente Investigador, Luís Lima Rodríguez; e o xefe do servizo de Obras e Supervisión de Proxectos, Jesús Álvarez Flórez.