Xesús Vázquez Abad asiste á Conferencia Sectorial de Educación na que o Ministerio presenta o Plan Integral de Idiomas

En Galicia xa se está a aplicar un completo Plan de Potenciación de Linguas que neste ano xa chegou a 29.000 persoas

Mér, 23/03/2011 - 19:30

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Educación celebrada en Madrid e na que o ministro Ángel Gabilondo presentou o Plan Integral de Idiomas e propuxo a unificación de criterios para determinar o carácter bilingüe o plurilingüe dos centros escolares.

Ao remate do encontro Vázquez Abad recordou “este Plan debe ser aínda máis ambicioso para poder responder ás demandas do século XXI”, ao tempo que dixo que “o goberno central chega sete anos tarde nesta proposta, que ademais non  aporta novidades respecto do que xa se está aplicando en Galicia”.

O conselleiro destacou que “é preciso modificar a normativa básica, no relativo, entre outros puntos, aos requisitos de acceso á función pública docente. Non podemos esquecer a necesidade de adquirir cada vez un maior nivel nas competencias en idiomas. Todos estes cambios teñen un obxectivo final que non é outro que beneficiar aos estudantes de hoxe que son o noso futuro”.

O Plan Galego

Sobre este punto o conselleiro recorda que os estudantes e docentes desta comunidade autónoma galega xa se benefician do Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras, que permite que máis de 29.000 galegas e galegos melloren as súas competencias en linguas estranxeiras.

Ademais o Plan galego contempla que o profesorado do sistema educativo se forme nas Escolas Oficiais de Idiomas para conseguir a titulación correspondente. Nestes centros estase a prestar un gran servizo e nos dous últimos anos incrementaron a súa matricula nun 23%.

Cómpre destacar ademais que Galicia xa está a facer un importante esforzo con este importante plan que na súa primeira convocatoria xa ten 58 centros plurilingües, e ademais duplicouse o número de seccións que xa están en 1.519. Por outra banda este ano se incrementaran nun 40% as estadías formativas en idiomas dirixidas a 3.730 estudantes que poderán as súas competencias tanto en ‘vilas inglesas’ en Galicia, como no estranxeiro, viaxando ata Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Por outra banda esta formación chega, por primeira vez, aos estudantes de Formación Profesional.

Apoio do goberno central ás autonomías

Por outra banda nesta reunión os representantes de educación das comunidades autónomas mostraron ao ministro a súa conformidade cos obxectivos e as necesidades presentadas hoxe, de cara a mellorar as competencias en idiomas dos cidadáns para participar na nova sociedade.

Pero ao mesmo tempo os conselleiros sinalaron que son as autonomías as responsables de levar a cabo ditas actuacións, polo que é preciso que a administración central se faga a responsable de apoiar e colaborar con distintos recursos o desenvolvemento das actuacións previstas dentro dos distintos plans autonómicos.

Nesta mesma conferencia o ministro tamén informou dos cambios normativos introducidos pola lei de economía sostible e de como esta afecta ao eido educativo.