As bibliotecas e os museos autonómicos conmemoran cunha programación especial o Día do Libro

Liberación de volumes, visitas guiadas, exposicións, obradoiros e agasallos para os usuarios son algunhas das accións que promoven co gallo desta celebración

Ademais, continuarase coa programación habitual do programa de dinamización da lectura de ‘Ler conta moito’, que ofrecerá ata o 23 de abril máis de 60 actividades por toda Galicia

As bibliotecas escolares organizan tamén cadanseu calendario conmemorativo

Xov, 20/04/2017 - 11:43
As bibliotecas e os museos autonómicos conmemoran cunha programación especial o Día do Libro

As bibliotecas e museos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizan unha programación especial de actividades para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril. Para iso, ao longo desta semana e con continuación na que vén, realizaranse sorteos e liberacións de volumes, visitas guiadas ás instalacións das bibliotecas centrais territoriais das cidades, obradoiros e tamén se repartirán marcapáxinas entre os usuarios e usuarias que leven algunha obra en préstamo nestes días; ademais de continuar coa habitual programación de actividades.

Pola súa banda, os centros escolares tamén están a preparar actividades para conmemorar esta data, mentres que desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería está previsto publicar este venres 21 de abril a resolución pola que se recoñece a un autor co Premio dos Clubs de Lectura, por ser un dos máis lidos nos clubs no curso pasado. Así mesmo, editouse un marcapáxinas cun texto orixinal da poeta Rosalía Fernández Rial.

Propostas diversas nas bibliotecas

A Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, agasallará os seus visitantes cun libro desde hoxe día 20 ata o propio 23 de abril, mentres que a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal organizará o día 24 unha visita guiada extraordinaria e mais a actividade ‘Un libro para cada lector ou lectora’, a través da que se repartirá información con recomendacións de lecturas realizadas polo persoal do centro. Ademais, o día 25 sortearanse lotes de libros entre todos os usuarios que leven algún en préstamo e ata o día 24 funcionará unha campaña de liberación de volumes en diferentes espazos da biblioteca, o coñecido como bookcrossing. No caso da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, organizarase o sábado 22 ás 12 horas o contacontos ‘O ratiño presumido’, da man da compañía Trinke-Trinke; ao tempo que continúa a exposición de carteis ‘Miguel Hernández. Un poema é un cartel’.

As visitas guiadas e o agasallo dun marcapáxinas aos usuarios que empreguen o servizo de préstamo serán tamén as propostas máis destacadas da Biblioteca Pública de Lugo o día 24, un centro que organiza, ademais, o día 25 de abril sorteos de libros, tanto infantís como para adultos. Asemade, pódese gozar ao longo de todo o mes da exposición ‘Libros para ver: facsímiles’. Pola súa parte, a Biblioteca Pública de Ourense ten programado o contacontos ‘Contiños’ –a cargo de Susana Villar– para o vindeiro martes 25 ás 18:30 horas, así como varias sesións do ciclo de charlas sobre edición para escritores noveis.

‘Polo Día do Libro adopta un clásico’ é o nome co que a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola bautizou o centro de interese que estará aberto nas súas instalacións ata o 13 de maio e que ten por obxectivo incentivar entre os máis pequenos este tipo de lectura. Ademais, o dúa 21 agasallarase cada préstamo cun marcapáxinas e desenvolverase o contacontos ‘Libros agochados’, co que Raquel Queizás fará as delicias dos cativos de 3 anos en diante.

Na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel este venres 21 haberá unha xornada de portas abertas e visita guiada ao centro; mentres que o sábado, ademais da entrega de premios do VIII Concurso de Banda Deseñada BD Vigo, os creadores David Braña e Francisco García González ofrecerán unha charla e presentarán as súas últimas obras. Así mesmo,está prevista para o día 24 unha charla divulgativa sobre a plataforma GaliciaLe de préstamo de libro electrónico impulsada pola Xunta, coincidindo coa exhibición nesta biblioteca da mostra ‘Vellas literaturas, novos soportes: o libro electrónico. Orixes e futuro’.

Liberación de libros nos museos

As bibliotecas dos museos de xestión autonómica, concretamente, do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Centro Galega de Arte Contemporánea (CGAC), do Museo Etnolóxico Ribadavia-Ourense e do Museo de Belas Artes da Coruña, participarán este venres 21 de abril nunha campaña de liberación de libros na que están implicados un total de 57 museos e centros de arte de todo o Estado.

Trátase de volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas. Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web http://www.bookcrossing.com/mybookshelf, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o que permite seguir a pista de calquera deles, así como saber quen o leu e en que lugar.

Ler conta moito

Nesta semana de homenaxe ao libro, o programa de dinamización da lectura ‘Ler conta moito’ promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración cos concellos estará repleto de actividade. Así, desde hoxe ata o domingo organizaranse 63 sesións en bibliotecas e axencias de lectura municipais, dos que 17 se concentrarán na fin de semana. Contacontos participativos, obradoiros de poesía, de ciencia ou de arte, narracións musicadas, conversas con autoras e autores ou encontros con ilustradores son algunhas das actividades deste programa dirixido a públicos diversos, con especial atención aos máis novos. En total, a actual edición deste programa, a quinta, ofrece máis de 750 actividades espalladas por todo o territorio galego.

A programación conmemorativa do Día do Libro pódese consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal, e no enderezo http://rbgalicia.xunta.es/solicitudes-subvencion-2017/calendario/