Política Lingüística impulsa a transmisión familiar da lingua galega a través de materiais divulgativos para as embarazadas

O secretario xeral Anxo Lorenzo presentou o cartafol Xeración dos Axóuxeres, con consellos e recursos para introducir o galego na comunicación entre os pais e os bebés desde o primeiro momento

Mér, 23/03/2011 - 13:45
O secretario xeral Anxo Lorenzo presentou o cartafol Xeración dos Axóuxeres
O secretario xeral Anxo Lorenzo presentou o cartafol Xeración dos Axóuxeres

Animar os pais e as nais a introducir o galego na comunicación cos seus fillos desde os primeiros momentos. Ese é o principal obxectivo do cartafol Xeración dos Axóuxeres, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que está pensada para acompañar as mulleres e as súas parellas durante o derradeiro tramo do embarazo.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá o cartafol, que busca, segundo salientou, “favorecer a incorporación do galego na comunicación familiar”. “Con esta iniciativa –dixo– pretendemos que as novas familias de galegofalantes continúen transmitindo a súa lingua e que as castelanfalantes se animen a cantarlles ou xogar cos seus nenos en galego para que haxa momentos de diversión e comunicación afectiva na lingua propia de Galicia”.

Para iso, o cartafol Xeración dos Axóuxeres consiste nunha recompilación de materiais divulgativos nos que se ofrecen recursos para a incorporación da lingua galega desde o plano afectivo, con argumentos e recursos prácticos. No disco No colo da fala, producido por Xabier Díaz e Guille Fernández, ofrécense cancións para que os pais poidan escoitalo cos seus fillos e mesmo aprender as nanas para cantárllelas eles mesmos. Tamén se inclúe  unha tarxeta onde anotar os momentos especiais vividos durante o embarazo, un repertorio de recitados e de xogos de iniciación que os pais e nais poden compartir cos pequenos da casa, unha escolma de nomes galegos, un adhesivo para o coche e un babeiro que convida a grandes e pequenos a botarse a falar galego co lema “Comer e falar todo é empezar!”.

Distribución do cartafol Xeración dos Axóuxeres

A secretaría xeral distribúe 10.000 exemplares para todas as embarazadas que se atopen no terceiro trimestre de xestación, que poderán solicitar á súa matrona no seu centro de saúde habitual. Ademais, colaboran co programa outras entidades que prestan servizos e atención a mulleres que esperan un bebé.

Axóuxeres na rede: un espazo para a participación das familias

A secretaría xeral habilitou o espazo web http://www.xunta.es/linguagalega/xeracion_axouxeres para que todas as familias con bebés poidan acceder aos materiais que se inclúen no cartafol. Ademais, en http://www.xunta.es/linguagalega/construe_os_axouxeres_connosco, os pais e nais tamén poden compartir experiencias vividas na crianza dos seus fillos: as anécdotas máis divertidas na aprendizaxe da lingua, os nomes cariñosos que empregaban os avós e as avoas para se dirixiren aos netos, as súas preguntas máis curiosas ou os libros en galego que máis lles gustan son as temáticas que vertebran este espazo participativo.

Manter a cadea de transmisión lingüística do galego

Na súa programación da dinamización lingüística, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo establece como un dos seus principais obxectivos o fomento da transmisión e o uso da lingua galega dentro das familias, de acordo co Plan xeral de dinamización da lingua galega. Ademais do cartafol, a secretaría xeral ten en marcha o programa Os Axóuxeres, unha iniciativa dirixida a bebés de 0 a 3 anos e ás súas familias que co que busca promover a incorporación da lingua galega á comunicación cos meniños para que, así, os pais e nais continúen contribuíndo a manter a cadea de transmisión familiar da lingua galega.

Declaracións de Anxo Lorenzo

Menús News node R

Colectivo