Tres alumnos galegos resultaron galardoados nos premios nacionais de FP de grao superior

Foi recoñecido o traballo de estudantes do IES de Ferrolterra, A Piringalla e do CIFP Politécnico de Santiago

Mar, 22/03/2011 - 14:31

Tres alumnos galegos dos IES de Ferrolterra (Ferrol), A Piringalla (Lugo) e do CIFP Politécnico de Santiago recolleron hoxe en Madrid o premio nacional de Formación Profesional de grao superior, en recoñecemento ao traballo realizado no curso 2008/2009. A Consellería de Educación, representada pola subdirectora xeral de Inspección,  Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Carmen Cimadevila, acompañou a estes estudantes no acto de entrega de galardóns, que se celebrou na sede do Ministerio de Educación, en Madrid.

Respecto das familias profesionais nas que destacaron os premiados, Rubén Díaz, do IES Ferrolterra, fíxoo na de fabricación mecánica; mentres que o alumno Diego Muñoz, do IES A Piringalla, obtivo o galardón polo seu traballo na familia profesional da Informativa. Pola súa parte, Salvador Blanco, do Politécnico de Santiago, foi recoñecido polos seus estudos na familia profesional da Química.

A representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mostrou a satisfacción do departamento educativo da Xunta de Galicia polo recoñecemento a estes estudantes. Neste sentido explicou que galardóns como este dan conta da calidade da Formación Profesional galega, e do alto nivel de cualificación dos seus titulados. Asemade destacou o impulso que a Consellería está a dar a través da aprobación de novos currículos adaptados á Lei de Cualificacións Profesionais, o que facilita a inserción laboral dos titulados. Cómpre recordar ademais que a FP está a pasar por un bo momento, no que é recoñecida e valorado no eido tanto educativo como profesional, sendo unha opción de formación académica que cada vez adquire máis presenza e recoñecemento.

Así mesmo, Cimadevila destacou que a excelencia amosada polo alumnado, así como os seus altos niveis de empregabilidade, dan pulo ás estratexias de posta en valor da FP que se están a desenvolver desde a Consellería.