A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa Navega con Rumbo e máis de 200 xornadas formativas sobre Abalar para pais e profesores

O Colexio de Enxeñeiros Informáticos e as Empresas Galegas de Software Libre colaboran coa Administración autonómica para que toda a comunidade educativa coñeza os recursos que Abalar pon ao seu alcance

Mar, 22/03/2011 - 12:59
Rolda de prensa do conselleiro de Educación e da secretaria xeral de Modernizaci
Rolda de prensa do conselleiro de Educación e da secretaria xeral de Modernización

A Xunta de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), impulsa o coñecemento e a difusión do Proxecto Abalar coa posta en marcha tres iniciativas formativas complementarias dirixidas a pais, alumnos e profesores.

Así o explicaron esta mañá o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente do CPEIG e o xerente de Agasol, Fernando Suárez e Luís Alberto Fernández.

Grazas a un acordo asinado entre a Secretaría Xeral de Modernización, o CPEIG e Agasol, levarase a cabo unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, unhas xornadas divulgativas para que pais e nais coñezan o espazoAbalar e ofrecerase formación complementaria a docentes sobre os contidos dixitais que pon á súa disposición o Portal Abalar. As tres iniciativas contan cun orzamento de 82.400 euros, que será financiado por Modernización.

O obxectivo do acordo é ofrecer actividades complementarias ás xa previstas no proxecto Abalar, que permitan á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.

Plan Navega con Rumbo

Tras o éxito da primeira convocatoria do Plan Navega con Rumbo  en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Informáticos unha segunda edición que chegará a 138 centros. Especialistas do Colexio achegaranse a estes centros onde impartirán charlas divulgativas dunha hora de duración nas que se ensinará aos escolares a navegar por Internet de forma útil e responsable, implicando tamén aos profesores. Ao remate das xornadas editaranse 22.000 Guías de Boas Prácticas en Internet para alumnos, familias e profesores. Ademais, esta iniciativa conta  cunha web propia www.navegaconrumbo.es, onde está dispoñibles todo a información do proxecto.

Coñece o Espazo Abalar

Coa finalidade de informar aos pais sobre todas as funcionalidades do espazoAbalar, o Colexio de enxeñeiros realizará unhas xornadas divulgativas sobre este portal para que os pais lle poidan sacar o máximo partido. Paralelamente, realizarase outra xornada destinada aos profesores de cursos Abalar para amosar a utilización deste espazo nas súas clases e na comunicación cos pais. Cada unha destas xornadas terá unha hora de duración e realizaranse un total de 220 repartidas noutros tantos centros públicos Abalar.

Formación Práctica dos contidos Dixitais

A terceira actividade prevista consiste na realización dunhas xornadas que complementen a formación que están a recibir os docentes Abalar. Estas actividades estarán estruturadas en dúas partes, formación técnica que permita aos profesores mellorar no uso das tecnoloxías nas aulas e formación sobre o uso práctico dos contidos dixitais que ofrece o espazoAbalar,  e as vantaxes que lle reporta. Esta parte da formación incluirá exemplos prácticos de como impartir unha clase empregando estes recursos.

O material divulgativo destas xornadas, impartidas por membros do CPEIG, será elaborado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre. Realizaranse un total de sete xornadas cunha duración de 50 horas cada unha.

Balance positivo

Na súa intervención o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo fincapé “na importancia de todo o traballo que se está a desenvolver arredor do Proxecto ABALAR e que está a ter unha gran acollida entre toda a comunidade educativa”. O responsable de Educación destacou “o éxito de iniciativas como o Repositorio de Contidos Dixitais, que está en continuo crecemento, e que ten dispoñibles na actualidade máis de 700 recursos en castelán, galego, francés e inglés. Os recursos dispoñibles acumulan xa preto de 35.000 descargas.”

Vázquez Abad puxo de manifesto a satisfacción da Consellería de Educación pola gran acollida que está a ter o espazoAbalar, a plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa. O espazoAbalar, recibiu máis de 50.000 visitas desde a súa posta en marcha e finais de outubro ata hoxe.

Colaboración co sector TIC

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira subliñou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica  e os axentes do sector tecnolóxico galego no desenvolvemento de iniciativas que, como Abalar, melloran ámbitos de especial relevancia para a sociedade. 

Neste sentido, Pereira recordou que “o  Goberno galego ve no sector TIC da Comunidade un elemento tractor do resto dos sectores económicos e así o contempla na súa estratexia tecnolóxica 2014.gal Axenda Dixital de Galicia”. “Acordos como o que hoxe presentamos –engadiu- poñen de manifesto o interese da Administración autonómica de contribuír a dinamizar un sector que consideramos clave e co que contamos para integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade”.

Declaracións do conselleiro de Educación

Declaracións da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica