O mundo mariño das costas de Galicia chega aos centros educativos a través dun documental científico en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva ás aulas recursos audiovisuais que lles permitan aos docentes traballar en lingua galega nas distintas áreas

Lun, 21/03/2011 - 19:06
O mundo mariño das costas de Galicia chega aos centros educativos a través dun d
O mundo mariño das costas de Galicia chega aos centros educativos a través dun documental científico en galego

O mundo mariño das costas de Galicia chega aos centros educativos da comunidade a través dun documental científico en lingua galega. Trátase d’O mar da fin do mundo. O reino dos cefalópodos, unha produción impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para achegarlles aos escolares contidos curriculares propios das ciencias naturais en galego.

O documental, coproducido por Marevisión e Gestión y Tratamiento de Imagen del Atlántico, constitúe unha completa produción audiovisual que permite abordar en galego a vida dos cefalópodos nas rías de Galicia.

Producido por José Irisarri e dirixido por Manuel Uhía, o documental contou co asesoramento científico de Ángel Guerra, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, e con Roger T. Hanlon, do Marine Biological Laboratory, un dos maiores expertos en cefalópodos do mundo.

Mostrar a utilidade da lingua en calquera campo do saber

A colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste proxecto responde ao especial interese deste departamento por dotar os centros de materiais de calidade que lles permitan aos docentes traballar en galego en distintas áreas, co fin de facilitar o seu labor educativo e mais de mostrar a utilidade da nosa lingua en calquera campo do saber.