O conselleiro de Educación asiste á entrega de premios da VI edición do concurso literario “Rita Suárez Amado”, no IES Eusebio da Guarda, na Coruña

Xesús Vázquez Abad destacou o valor do galardón creado en homenaxe a unha alumna do centro falecida en 2005

Ven, 18/03/2011 - 19:05

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á entrega de premios da VI edición do concurso literario “Rita Suárez Amado”, celebrado no IES Eusebio da Guarda, na Coruña.

O premio foi creado polo instituto en honor á Rita Suárez Amado, alumna falecida en 2005 vítima dun cancro que lle foi diagnosticado durante a súa etapa como estudante do centro.

Durante o acto de entrega dos premios estiveron presentes a familia da alumna homenaxeada, os seus pais José e Carmen e a súa irmá, Alba; así como a directora do centro, Isabel Ruso; o director xeral de Educación da Consellería, José Luis Mira; e a presidenta da Asociación contra o Cancro na Coruña, María Elena Viturro, entre outras autoridades locais e representantes da sociedade coruñesa.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou o valor deste premio xa que “se trata dunha experiencia inzada de intelixencia sensible e creadora, que pon en primeiro plano a magnífica preparación ética e instrumental da nosa mocidade estudiantil. Unha iniciativa que, ao mesmo tempo, sitúa o labor das nosas aulas como un valor en alza”, ao que engadiu que este é “un valor cada vez máis estimado por todos, na medida en que xorde e pon de manifesto o verdadeiro e esperanzador potencial que agroma das raíces humanas de Galicia”.

Os premiados

Nesta edición resultaron galardoados os relatos “O asasinato do señor Carmichael”, de Eduardo Lampón Sánchez; e “O refuxio” de Hugo Gómez- Chao Porta, ambos estudantes do IES Eusebio da Guarda. Asemade tamén foi recoñecido co primeiro premio “Didáctida”, de Marina Rodríguez- Candela Mateos, do IES Salvador de Madriaga, e “Bailar os teus pasos “, de Noelia Martínez Rey.

Na categoría de poesía acadaron o primeiro posto “Boneca rota” de Paula María García Pardavila, do IES Monelos; “Para(poemas con destino)”, de Alejandro Roura Blanco, do IES Eusebio da Guarda, e “Triste alento” de Rocío Leira Castro.

As máis de duascentas obras participantes fíxerono en varios niveis, correspondendo o primeiro a 1º e 2º da ESO; o segundo a 3º e 4º da ESO; o terceiro a 1º e 2º de bacharelato e o cuarto a adultos que xa non están a cursar materias en centros educativos.

Importantes obras no centro educativo

Vázquez Abad lembrou durante o acto que esta mesma mañá se anunciou a licitación do proxecto de execución das obras de reforma do IES Eusebio da Guarda, e a modificación no proxecto básico de redacción.

“Esta é unha importante obra, que ten un orzamento inicial de sete millóns de euros, e pola que está previsto que se derrube a fachada do centro que mira cara á praia do Orzán. Ademais farase unha reforma optimizando os recursos e adaptando o centro ás necesidade actuais así como ao proxecto arquitectónico inicial, cuxa construción data do século dezanove”, dixo o conselleiro. Ademais engadiu que “tamén hoxe recoñeceuse a importancia deste espazo e entrou a formar parte da rede de institutos históricos MUPEGA”.