Os Axóuxeres visitan novos concellos con actividades para favorecer a transmisión lingüística do galego
O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística leva esta fin de semana os Obradoiros dos Axóuxeres aos concellos de Foz e de Vilalba
Os Axóuxeres, o programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que busca contribuír á transmisión lingüística do galego, visitan esta fin de semana os concellos de Foz e Vilalba cos seus Obradoiros, destinados aos nenos e nenas de 0 a 3 anos e mais ás súas familias, como o resto do programa.
Os Obradoiros, que se incluíron como novidade na edición 2010-2011 dos Axóuxeres, combinan un pequeno curso de técnicas de masaxe infantil coa aprendizaxe de xogos de iniciación, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas. Os Obradoiros están centrados na transmisión do afecto e na comunicación, tan importante no desenvolvemento dos bebés: as miradas, os aloumiños, a música e a palabra poden ser vías complementarias para afondar na relación entre pais e fillos. Neste sentido, Os Axóuxeres contribúen
Os Axóuxeres ofrecerán obradoiros mañá en Foz (Sala Bahía, ás 17:30 e ás 19:00 horas) e en Vilalba (Sala de Exposicións do Auditorio Carmen Estévez, ás 17:30 e ás 19:00 horas).
A Cañiza será, o próximo día 27 marzo, o último destino dos Obradoiros dos Axóuxeres 2010-2011, que suporá tamén o peche da presente edición do programa.
Unha homenaxe aos avós e ás avoas por nos transmitiren a lingua
Os Axóuxeres 2010-2011 botaron a andar o pasado mes de setembro. As cidades galegas foron as primeiras en recibir as Festas, unha hora de teatro, música, xogo e palabras, protagonizada polo popular actor Xosé Manuel Olveira Pico. Posteriormente, outras doce localidades das catro provincias acolleron unha versión do espectáculo adaptada a espazos máis pequenos, os Encontros, que finalizaron a pasada fin de semana.
A través destes dous formatos, Os Axóuxeres homenaxearon os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.
Recursos para as familias
Os Axóuxeres ofrécenselles ás familias ferramentas (cancións, xogos, recitados...) que permiten continuar no fogar a comunicación en lingua galega cos máis pequerrechos da familia. Os asistentes reciben folletos que recollen os textos utilizados durante as actividades e tamén poden descargar cantos e xogos no web www.xunta.es/linguagalega/axouxeres e mais compartir e seguir novidades nas redes sociais, como www.facebook.com/axouxeres e www.twitter.com/OsAxouxeres.