Román Rodríguez define os premios fin de carreira como un recoñecemento a alumnos, familia e sistema

O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos 66 mozos e mozas galardoados con esta distinción na edición de 2015, que representan a excelencia educativa no eido universitario e son unha referencia para o alumnado que comeza os estudos

O titular do departamento educativo destacou as axudas que o seu departamento ten en marcha para favorecer os estudos universitarios, así como as negociacións coas universidades para mellorar a oferta de titulacións

Ven, 24/02/2017 - 13:14
Román Rodríguez define os premios fin de carreira como un recoñecemento a alumnos, familia e sistema

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe que os Premios Fin de Carreira son un recoñecemento de toda a sociedade galega a tres niveis: ao alumnado, ás familias e ao sistema universitario no seu conxunto. Con motivo da entrega destes galardóns aos 66 mozos e mozas galegos (30 mulleres e 36 homes) que remataron os seus estudos de grao no ano 2015, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de coñecer e recoñecer o esforzo, o traballo duro e o sacrificio do alumnado.

Neste sentido, felicitou a todas e todos os premiados que, nas súas palabras, representan “a excelencia educativa no eido universitario” e son “unha referencia para os alumnos e alumnas que cada ano entran na Universidade”. Pero, ademais, explicou que todos eles adquiren un compromiso social non só coas xeracións máis novas, tamén con toda a sociedade no seu conxunto. “Demostrastes que fostes alumnos brillantes. Agora debedes poñer ese talento a disposición de Galicia”, remarcou o conselleiro.

A maiores do conselleiro, no acto tamén participaron os tres reitores das Universidades galegas, Julio Abalde (UDC), Juan Viaño (USC) e Salustiano Mato (UVigo); e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. En representación dos alumnos interveu Sergio Alejandro Feijóo Moreira, que cursou o Grao en Economía na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo.

Respaldo autonómico ao longo da vida académica

Por outro lado, Román Rodríguez tamén subliñou que estes premios son un recoñecemento ao Sistema Universitario Galego (SUG), aos docentes e ás estruturas que o compoñen. Así mesmo, lembrou que nestes momentos se está avanzando na adaptación e racionalización da oferta de titulacións como unha fórmula para mellorar o modelo actual e, ademais, recordou todas as liñas de axuda que ten en marcha a Consellería de Educación para favorecer os estudos do alumnado universitario ao longo de toda a vida académica, tales como estes Premios Fin de Carreira.

E, por último, Román Rodríguez tamén quixo agradecer a implicación das familias, que hoxe tamén comparten este premio. Porque tal e como trasladou, “detrás do expediente excelente de cada un destes premiados hai apoio, hai respecto, hai ensinanza da cultura do esforzo e do traballo ben feito”.

Representadas as tres universidades e os sete campus

Dos 66 galardoados, 26 correspóndense con estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 25 da Universidade de Vigo (UVigo), e 15 da Universidade da Coruña (UDC). Por xénero, 30 son mulleres e 36 homes. Todos eles recibiron unha dotación económica dun máximo de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante apoio económico. A información ao respecto pode consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/20306.

Desde a primeira vez que se convocaron os Premios Fin de Carreira, un total de 1.147 titulados do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio.