Xesús Vázquez Abad visita o CEIP Ramón Otero Pedrayo, no concello de Rábade, Lugo

O titular de Educación na Xunta comprobou a situación das instalacións educativas nas que se ven de investir máis de 46.000 euros

Xov, 10/03/2011 - 13:56

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Ramón Otero Pedrayo, na localidade lucense de Rábade, no marco do percorrido que está a realizar por diferentes centros educativos de Galicia, co fin de coñecer as súas necesidades particulares.

O conselleiro recordou ante os medios que “realizamos visitas aos colexios galegos co obxectivo de manter encontros cos equipos directivos e co alumnado dentro dos seus propios colexios. Ademais estes percorridos tamén nos permiten comprobar de primeira man o estado das instalacións educativas dependentes das Xunta”.

Durante a súa visita Vázquez Abad recorreu todas as instalacións nas que a Consellería leva investidos máis de 46.000 euros destinados a mellorar o sistema eléctrico, así como a cociña e o saneamento do centro.

Ademais na mellora da biblioteca deste colexio lévanse adicados preto de 5.500 euros. Un espazo que comparten en empregan os 54 alumnas e alumnos de Infantil e 97 de Primaria que neste momento están a estudar no centro educativo.

Ao longo do percorrido o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, e polo xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo. A visita estivo guiada pola directora do centro, María Remedios González, e parte do equipo directivo.

Xa pola tarde o conselleiro desprazárase ata o concello de Xove, onte realizará unha visita polo CEIP Pedro Caselles Rollán.