'Cantigas líricas galegas' propón novas músicas para poesía en galego

O Auditorio da Sede Afundación A Coruña acolleu o concerto-presentación deste novo proxecto de Antón de Santiago, que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura e Educación, no que profesorado e alumnado do Conservatorio Superior de Música da cidade herculina interpretou partituras recollidas no libro

Valentín García expresou a súa confianza en que “esta obra sexa unha ferramenta útil para difundir e traballar, nos nosos conservatorios e escolas de música, a canción na lingua propia de Galicia”

Mér, 15/02/2017 - 20:30

O novo proxecto ‘Cantigas líricas galegas. Para canto e piano e pezas corais’ propón novas músicas para poesía escrita na lingua propia de Galicia. O Auditorio da Sede Afundación A Coruña acolleu o concerto-presentación deste novo proxecto de Antón de Santiago, que sae do prelo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que profesorado e alumnado do Conservatorio Superior de Música da cidade herculina, de cuxa cátedra de canto foi responsable o autor, interpretou partituras recollidas no libro.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou durante a súa intervención o seu desexo de que esta obra da autoría do cantante e compositor Antón de Santiago “sexa unha ferramenta útil para difundir e traballar nos nosos conservatorios e escolas de música a canción na lingua propia de Galicia”.

Poemas galegos musicados

“Cantigas líricas galegas. Para canto e piano e pezas corais” é un compendio de partituras compostas por Antón de Santiago sobre textos poéticos propios e de autores como Manuel Curros Enríquez, Federico García Lorca, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Luis Pimentel, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Celso Emilio Ferreiro ou Álvaro Cunqueiro, entre outros.

Antón de Santiago foi ata hai un ano responsable da Cátedra de Canto do Conservatorio Superior de Música da Coruña. É cantante e compositor, actor, director teatral e novelista. Ten publicadas diversas obras, entre as que figuran “Voz e canto” ou “Custodio ou a fe do Carboeiro”.

Menús News node R

Colectivo