Política Lingüística promove a oferta de materiais educativos en lingua galega a través de axudas para a súa edición

A secretaría xeral publica hoxe no DOG a orde pola que se convocan estas subvencións

Lun, 07/03/2011 - 18:30

Promover a oferta de recursos didácticos curriculares en galego. Este é o principal obxectivo das subvencións que convoca hoxe no Diario Oficial de Galicia a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Estas axudas están dirixidas á edición en galego de material didáctico curricular para niveis non universitarios, en soporte impreso ou dixital. Así mesmo, son obxecto desta convocatoria os recursos didácticos complementarios, aqueles materiais educativos que contribúan a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos, especialmente dos que se teñan que impartir en galego.

Respecto do material didáctico para a formación regrada de adultos en lingua galega, este deberá incorporar as directrices do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Prazo de solicitudes

Poderán solicitar estas subvencións, que ascenden a un total de 400.000 euros, as empresas mercantís do sector editorial que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e que elaboren os recursos didácticos curriculares obxecto da orde.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día 8 de marzo ata o 7 de abril, ambos os dous incluídos.

Criterios de concesión e valoración das propostas

A valoración das propostas realizarase, por unha banda, en función da calidade da obra, para o que se terá en conta a adaptación dos contidos ao currículo establecido, a calidade lingüística, o tipo de actividade, a adecuación á realidade cultural e social de Galicia, a relación dos contidos cos intereses do alumando ao que vai dirixido, o tratamento de valores democráticos e a adecuación da linguaxe ao nivel dos estudantes. Por outra banda, tamén se terá en conta a orixinalidade da obra: primarán as obras de creación propia sobre as de refundición ou adaptación.

Unha vez valorados estes aspectos, aplicaranse criterios de priorización económica para os proxectos que se encadren nos seguintes ámbitos de ensino: materiais para aulas virtuais (Programa Abalar), materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación inicial e programas de diversidade curricular, educación infantil, áreas de impartición non obrigatoria en galego e materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.

Garantir a oferta de materiais didácticos de calidade en galego

A través desta convocatoria, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca impulsar a oferta de material e novos recursos didácticos en galego que favorezan a aprendizaxe do alumnado na lingua propia de Galicia. En consecuencia, estas axudas responden ao establecido no Plan xeral de normalización da lingua galega para a área de ensino no que se refire ao obxectivo de garantir “unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.

Menús News node R

Colectivo