Educación presenta unha proposta de racionalización de estudos de posgrao no Consello Galego de Universidades celebrado en Pontevedra

A Consellería lembra que as tres universidades galegas mostraron o seu acordo en acadar a racionalización na oferta destas titulacións

Lun, 07/03/2011 - 14:59
O conselleiro de Educación na reunión do Consello Galego de Universidades
O conselleiro de Educación na reunión do Consello Galego de Universidades

O Consello Galego de Universidades (CGU) foi informado hoxe da proposta de racionalización de estudos de posgrao realizada pola Consellería de Educación, para o vindeiro ano académico. Unha idea coa que as tres universidades galegas mostraron o seu acordo. Deste xeito a proposta presentada hoxe realizase de xeito cohesionado e transparente coas tres universidades galegas.

Unha proposta que vén derivada da necesidade de facer unha reflexión sobre a oferta que presenta o Sistema Universitario Galego (SUG) unha vez rematado o proceso de transformación das titulacións de posgrao, e que ten como propósito a adecuación da oferta á demanda nestes estudos. Deste xeito a oferta será ampla e variada, de acordo coas exixencias da sociedade e coa realidade socioeconómica galega.

Así a Secretaría Xeral de Universidades, solicitou ás tres universidades os datos relativos ao número de estudantes matriculados por primeira vez en titulacións de posgrao, nos cursos 2009-2010 e 2010-2011, especificados por cada un dos títulos ofertados pola correspondente universidade.

Acordo das tres universidades

Tras a elaboración destas listaxes mantívose, o pasado 3 de marzo, un encontro coas respectivas vicerreitoras responsables desta área, no que todas as partes estiveron de acordo coa necesidade de poñer orden na oferta, e a conveniencia de fixar un límite mínimo de matriculados para ofertar unha titulación.

Finalmente chegouse a unha proposta de consenso, que só afectaría ás titulacións de master que foron ofertadas nos cursos 2009-10 e 2010-11.

Segundo o propósito no curso académico 2011-2012 non se poderían ofertar novamente aqueles masters cuxo promedio de alumnado nos cursos 2009-10/2010-11 non acade un mínimo de 5 alumnos. As titulacións que presenten estes resultados deberán eliminarse da oferta. En consecuencia, mediante decreto da Xunta de Galicia revogaríase a autorización de impartición destas titulacións.

No caso de masters cuxa matrícula media nos cursos 2009-10 e 2010-11 estea situada entre 6 e 9 alumnos, poderán impartirse no vindeiro curso académico se vén deberán reformular o plano de estudos para axeitalo á demanda, e no 2011-2012 necesariamente deberán mellorar a súa captación de alumnado.

Cómpre sinalar, tal e como destacou o conselleiro no CGU, que “esta idea continúa a idea citada no “Documento de Mejora”, publicado polo Ministerio de Educación en 2010, aprobado polo Consejo de Universidade e pola Conferencia General de Política Universitaria”. En dito documento reiterase a necesidade dun cambio no mapa de titulacións tal e como indica ao sinalarse “optimización da oferta docente (especialmente en grao e master) evitando excesos de oferta (duplicidades non xustificadas) e potenciando a mobilidade do profesorado e dos estudantes”. Así mesmo proponse a “Reprogramación, con redución da actual oferta dos masters en función das fortalezas nos recursos humanos, nas demanda (con atención especial á internacionalización) e no grao de excelencia científica”.

Nova organización da CIUG

No encontro celebrado no día de hoxe no campus de Pontevedra tamén foi debatida e aprobada, a proposta do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, para a nova organización da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG).

Así no Consello aprobada a creación dun consorcio entre as tres universidades e a Consellería de Educación co obxectivo de lograr unha maior eficiencia deste órgano. A Consellería de Educación continuará a manter a aplicación informática e o persoal relacionado co desenvolvemento e posta en práctica da mesma, así como aquel encargado de traballos directamente relacionados co acceso. A colaboración entre o “consorcio interuniversitario” e a Consellería de Educación plasmarase nun convenio a asinar coa nova figura xurídica, polo que se delegarán nese consorcio as actuais competencias da CIUG, entre outras o procedemento de acceso e de incorporación de estudantes ao ensino universitario no SUG.

Decreto da docencia clínica

No pleno do CGU tamén se presentou, para ser sometido a informe o proxecto de Decreto pola que se regula a comisión para a coordinación da docencia clínica en Galicia.

Este documento terá como obxectivo dotar de cobertura xurídica a un órgano colexiado de carácter consultivo, que se adscribe á Consellería de Educación. Tamén se regula o funcionamento das comisións docentes nos hospitais que existirán, de feito xa están a funcionar, en cada centro sanitario ou xerencia integrada que colabore coa docencia clínica dos grao en Ciencias da Saúde.

Grupo de Traballo

No CGU tamén se deu conta do grupo de traballo dentro do Plan de Financiamento 2011-2015, creado no mes de febreiro, no que se recollen as medidas e obxectivos internos para acadar cada unha delas nos anos 2011, 2012 e 2013. O obxectivo deste Grupo de Traballo é elaborar anualmente un informe, que elevará á Comisión de Seguimento do Plan, no que se proporán 10 medidas de racionalización do gasto e de mellora na eficiencia na xestión para o Sistema Universitario de Galicia

Na reunión, celebrada na Casa das Campas, no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Salustiano Mato; da Coruña, José María Barja, e de Santiago, Juan Casares Long.

Xunto a eles asistiron ao CGU os presidentes dos consellos sociais das universidades, os representantes designados polo Parlamento, e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López.