A Rede de Conservatorios de música e danza de Galicia obtén o selo de calidade ISO 9001-2015 de Aenor

O conselleiro Román Rodríguez felicitou aos CMUS de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e ao Conservatorio de Danza de Lugo por seren os primeiros en acadar esta certificación de recoñecemento da calidade das ensinanzas que imparten
Mér, 08/02/2017 - 13:35

A Rede de Conservatorios de Galicia acaba de obter o certificado de calidade 9001-2015, de AENOR, un selo que acredita a formación artística dos futuros profesionais da música e da danza. Deste xeito os CMUS que integran a rede -de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e o Conservatorio de Danza de Lugo- convértense nos primeiros en acadar este recoñecemento de calidade das ensinanzas que imparten.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá, xunto co director de AENOR en Galicia, Martín Pita, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, na entrega das certificacións do sistema de xestión de calidade segundo a norma ISO 9001.

Na súa intervención, Román Rodríguez puxo en valor o traballo que desenvolven os Centros Profesionais de Música e de Danza en Galicia e subliñou que este certificado estimula a mellora da súa calidade e o camiño cara a excelencia.

O conselleiro lembrou que a profesionalización das ensinanzas musicais e de danza teñen como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos seus futuros profesionais. Unha cualificación que -segundo recalcou- é froito do traballo do día a día dos Conservatorios, e que se traduce en resultados coma que un dos premiados en Galicia cos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais, obtivese o primeiro Extraordinario Nacional.

En Galicia estase rexistrando un incremento da matrícula nos conservatorios (máis de 4.000 matriculados nos centros oficiais) e demais centros autorizados, o que amosa o interese que espertan as ensinanzas musicais na comunidade autónoma.

No acto de hoxe, ademais do director do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, José Luis Quintas, que actuou como anfitrión, tamén participaron os directores do CMUS de Xan Viaño, en Ferrol; do Conservatorio de Música da Coruña; do Xoán de Montes de Lugo; do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, do Conservatorio Profesional de Música de Ourense; do Manuel Quiroga de Pontevedra, e do Conservatorio Profesional de Música de Vigo.