Anxo Lorenzo comparte un día de aulas con estudantes de secundaria que aprenden lingua galega en Londres

O responsable de Política Lingüística visitou hoxe o Instituto Cañada Blanch, no que un total de 65 rapaces e rapazas estudan lingua galega

Xov, 03/03/2011 - 12:00
Anxo Lorenzo comparte un día de aulas con estudantes de secundaria
Anxo Lorenzo comparte un día de aulas con estudantes de secundaria que aprenden lingua galega en Londres

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou hoxe o Instituto Cañada Blanch de Londres, onde impartiu unha aula sobre lingua galega para alumnado de 1º e 2º da ESO. Durante o encontro cos estudantes, o secretario xeral tivo ocasión de presentarlles a situación actual da lingua galega no marco plurilingüe do Estado español. Tamén aproveitou a ocasión para presentarlles de primeira man as principais institucións políticas, culturais e lingüísticas de Galicia, así como as funcións que desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o lugar que ocupa este departamento dentro da estrutura da Xunta de Galicia. Finalmente, o secretario xeral  animou os estudantes a seguir avanzando na súa formación lingüística en galego e a continuar interesándose por todas as manifestacións da cutura galega actual.

Durante a súa visita, Anxo Lorenzo tivo ocasión de coñecer os membro da Directiva do centro, no que actualmente estudan lingua galega un total de 65 alumnos e alumnas de primaria e secundaria grazas ao labor que desenvolve o profesor Xaime Varela.

Ademais deste centro de Londres, a secretaría xeral posibilita actualmente o estudo da lingua galega noutros centros de ensino de fóra das fronteiras de Galicia. No estranxeiro, xunto co Cañada Blanch, outros dous centros imparten aulas de lingua galega. Trátase do colexio Castelao de Caracas, en Venezuela, e do Santiago Apóstol de Bos Aires, en Arxentina. Dentro do Estado español, a secretaría xeral tamén aposta pola difusión e o recoñecemento do galego a través dos centros que forman parte do proxecto Galauda, que se desenvolve en Cataluña, ou dos que, grazas ao Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León, ofrecen aulas de galego e en galego nas comarcas do Bierzo e de Sanabria.

A literatura, outra vía para a proxección do galego

Pola tarde, o responsable de Política Lingüística participará en Londres no acto de presentación da antoloxía da literatura galega Breogán’s Lighthouse, ao que tamén asistirán, entre outros, o editor da publicación, Antonio Raúl de Toro, e os escritores Alfredo Conde e Vicente Araguas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, colabora nesta primeira antoloxía da literatura galega desde a Idade Media ata a actualidade, que recolle textos traducidos ao inglés dos principais escritores galegos.

Declaracións de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística

Menús News node R