Política Lingüística convoca cursos en liña para preparar as probas de coñecemento de lingua galega

Os cursos, preparatorios para os exames do nivel Celga 1, realizaranse desde o 4 de abril ata o 15 de xuño

Mér, 02/03/2011 - 14:34
g
Política Lingüística convoca cursos en liña para preparar as probas de coñecemento de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar os cursos en liña para preparar as probas de Certificación de lingua galega no nivel Celga 1. Trátase dun total de tres cursos con 50 prazas cada un que se realizarán durante 10 semanas, desde o 4 de abril ata o 15 de xuño.  

O prazo de inscrición para os cursos, que son voluntarios e gratuítos, está aberto ata o próximo día 20 deste mes. Os interesados en matricularse deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es, na que figuren o seu nome e apelidos, o DNI, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e o nivel de estudos.

A selección realizarase por rigorosa orde de matrícula e ata cubrir as 150 persoas que se admitirán nos cursos.

Estes tres cursos en liña insírense no marco da oferta de formación en lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o 2011, na que se inclúen 140 cursos preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, que se realizarán entre os meses de marzo, abril e maio

Os primeiros cursos en liña para os traballadores das distintas administracións

Ademais dos cursos Celga, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto realizar en 2011 máis de 50 cursos para a formación específica en galego dos profesionais aos servizo das distintas administracións. Entre eles atópanse os primeiros cursos en liña que a Xunta de Galicia ofrece para os empregados públicos: 13 para a Administración autonómica, 5 para a Administración local e 4 para a Administración de xustiza.

A formación en liña constitúe unha aposta decidida do departamento que dirixe Anxo Lorenzo xa que, por unha banda, lle dá máis facilidades á poboación adulta que quere mellorar a súa competencia en galego e, por outra, aplica as vantaxes das tecnoloxías da información e da comunicación á aprendizaxe do idioma.

Menús News node R