As medicións no CEIP Ramón de la Sagra indican que se está por debaixo dos valores normativos de referencia
O xefe territorial de Educación reuniuse esta mañá coas familias para darlles a coñecer os resultados obtidos ata o momento
Os resultados cos que xa se conta das medicións efectuadas durante todos estes días no CEIP Ramón de la Sagra, con motivo dos traballos de cambio das cubertas do centro, indican que se está por debaixo dos valores normativos. Das análises efectuadas despréndese que todo o procedemento de retirada de placas de fibrocemento de cuberta se fixo de xeito correcto. Aínda que faltan algunhas probas moi específicas, que se farán de xeito completamente extraordinario neste caso, en función da alarma creada e para tranquilidade definitiva de todos, pódese afirmar que non hai ningún elemento indiciario que faga prever que ditas medicións difiran das anteriores.
Así llo deu a coñecer esta mañá o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, ás familias, no decurso dunha reunión na que lles informou de xeito pormenorizado sobre estes aspectos da obra, xa rematada no que se refire á retirada de placas na zona alta da cuberta, cumprindo os prazos e condicións -moito por riba do estritamente esixido pola normativa de aplicación e polo plan de traballo aprobado polos organismos competentes-, comunicados previamente á comunidade educativa. Tamén lles explicou que a petición dos pais de efectuar eles medicións non ten razón de ser unha vez que a administración ten asumido o compromiso de completalas e facelas públicas como ata o de agora, á maior brevidade posible. Insistiu en que os traballos foron executados por unha empresa con experiencia, especializada e debidamente autorizada para este tipo de actuacións. Queda pendente, tal como se comunicou dende o primeiro momento, a parte baixa da cuberta, que pola súa configuración deberá ser abordada en período vacacional.
Doutra banda, este departamento tamén ten ultimada toda a documentación sobre a obra, que mañá pola mañá lle será remitida á Fiscalía, en resposta á súa solicitude formalizada o pasado venres, día 20, pola tarde.
A obra que está levando a cabo a Consellería no CEIP Ramón de la Sagra é unha actuación de rehabilitación integral que ten como principal obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e funcional deste centro educativo. Cómpre lembrar que este tipo de obras se están levando a cabo en moitos centros de ensino de toda Galicia sen ningún tipo de problema.
Ademais da renovación da cuberta mediante a substitución das placas de fibrocemento por un “panel sandwich” e a colocación de capa de illamento sobre o forxado do baixo cuberta, parte dela rematada desde o venres, a actuación inclúe tamén a aplicación dun sistema de illamento térmico polo exterior do edificio; o cambio das fiestras exteriores por outras novas de aluminio con rotura de ponte térmica e cristais dobres con cámara de aire, así como as persianas, que serán tamén de aluminio; e a substitución das actuais luminarias de aulas e biblioteca por outras de maior eficiencia enerxética. Esta obra foi adxudicada por un importe de algo máis de 500.000 euros.