A lingua oral centra o VI Seminario de Dinamización Lingüística, un foro de intercambio de experiencias normalizadoras no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza estas xornadas formativas dirixidas aos equipos de dinamización da lingua galega

Mér, 02/03/2011 - 14:06

A ensinanza e aprendizaxe das habilidades lingüísticas e uso oral  son as protagonistas dos VI Seminarios de Dinamización Lingüística, unha iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer o intercambio e a posta en común de experiencias normalizadoras no ámbito do ensino primario e secundario.

Esta iniciativa, dirixida ao profesorado dos centros educativos encargado da dinamización da lingua galega, realizarase entre o 28 de marzo e o 1 de abril en Ourense, Santiago, Ferrol e Pontevedra. No resto das cidades, A Coruña, Lugo e Vigo, os seminarios desenvolveranse entre o 4 e o 8 de abril.

O período de inscrición para matricularse está aberto ata o 14 de marzo e o número de prazas que se oferta  é de 40 por cidade.

O VI Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino ten un dobre obxectivo. Por unha banda, contribuír a ampliar a formación dos membros e coordinadores e coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega, a través de estratexias que canalicen o desenvolvemento funcional da lingua oral en todos os seus rexistros. Para isto, a sexta edición dos seminarios conta cunha parte formativa destinada a fornecer os docentes de estratexias e recursos que os axuden a traballar as habilidades orais e cun espazo divulgativo no que se mostran prácticas escolares que impulsan e fomentan a oralidade en ámbitos diferentes: en actividades complementarias e extraexcolares, na relación entre mozos e maiores e na educación infantil.

Intercambio de experiencias dinamizadoras

Por outra banda, os seminarios son o marco de presentación de experiencias dinamizadoras sobranceiras que se están levando a cabo en distintos centros educativos e que poden servir de referente para impulsar a dinamización do uso do galego desde o ámbito do ensino.

Os seminarios de dinamización lingüística que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística son un referente anual para a formación e a divulgación de recursos e ferramentas destinados aos equipos de dinamización da lingua galega.

Menús News node R