Educación convoca 9.690 prazas para a acreditación de competencias profesionais

Os interesados poderán validar a súa experiencia laboral por unidades de competencia de ciclos formativos de FP

Na convocatoria anterior o 82% dos avaliados foron acreditados

Xov, 12/01/2017 - 14:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, a través da que as persoas poden validar as competencias adquiridas polas correspondentes unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais. Esta acreditación contribúe a mellorar a inserción laboral das persoas, ademais de facilitarlles completar a formación para a obtención dun título de FP.

Cómpre salientar que na convocatoria anterior o 88,6 % das persoas admitidas ao procedemento chegaron á fase de avaliación e o 82% das persoas avaliadas obtiveron a acreditación nalgunha unidade de competencia

Formación ao longo da vida

O proceso enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa recualificación e formación ao longo da vida, que permite ás persoas traballadoras ou en situación de desemprego enfrontarse ás esixencias do mercado laboral desde unha posición máis vantaxosa. Este é o sétimo ano consecutivo que a Consellería convoca este proceso, que foi medrando progresivamente das 3.200 prazas do ano 2011 ás 9.690 que se ofertan na convocatoria actual. Deste 2011, e contando coas actuais, lévanse convocado 58.725 prazas.

Ao igual que noutras ocasións, o proceso desenvolverase nos próximos meses nos centros integrados de formación profesional. En todo caso, os detalles da convocatoria poden consultarse no seguinte enlace do Diario Oficial de Galicia https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170112/AnuncioG0164-281216-0003_gl.html .

As persoas admitidas neste proceso que lles permitirá acreditar as súas experiencias profesionais deberán pasar tres fases: o asesoramento, a avaliación da competencia profesional e a acreditación e rexistro da dita competencia.

A oferta actual é moi similar á de 2016, moi diversificada en atención ás demandas dos distintos sectores produtivos nas diferentes zonas xeográficas. As familias profesionais nas que se convoca o proceso son 16, unha máis que na convocatoria anterior ao introducir a de Comercio e Márketing. O resto das familias presentes na convocatoria son administración e xestión, agraria, electricidade e electrónica, edificación e obra civil, fabricación mecánica, hostalería e turismo, imaxe persoal, industrias alimentarias, informática e comunicacións, instalación e mantemento, madeira e moble, química, sanidade, servizos socioculturais e á comunidade, e transporte e mantemento de vehículos.

Os ciclos nos que se fai oferta son 28, aparecendo 2 ciclo novos, nomeadamente Actividades comerciais e Operacións de Laboratorio.